A Copa Deputación de Lugo de Piragüismo recala na ría de Viveiro

Presentación da proba. (Foto: Vicepresidencia Deputación de Lugo).
A cuarta regata do evento terá lugar este domingo.

A cuarta regata da Copa Deputación de Piragüismo chega a Viveiro da man da área de Deportes e a Vicepresidencia do ente, así como da Federación Galega da modalidade. Programada o próximo domingo, 18 de agosto, a proba está organizada, un ano máis, polo Club de Piragüismo de Viveiro. 

No certame, segundo as últimas estimacións, competirán 220 padexeiros e padexeiras das principais categorías de base, desde pre benxamín até xuvenil, en representación dos seis clubs de augas tranquilas da área xeográfica que comprende a provincia lucense: Club Caiac de Foz, Club de Piragüismo San Ciprián, Urban Hotel Viveiro, Club de Piragüismo Altruán de Ribadeo, Cidade de Lugo e Club Fluvial de Lugo. 

Con respecto aos horarios, as saídas faranse de forma gradual e por categorías a partir das 16 horas e até as 20, momento en que está previsto que se realice a entrega de medallas aos e as vencedoras.

Durante o acto de presentación do evento, o deputado de Mocidade, Daniel García, convidou as afeccionadas e afeccionados a seguir esta regata incluída na Copa Deputación, que definiu como "un referente".

"Desde a área de Deportes apoiamos o esforzo dos clubs de forma integral, dando soporte económico a competicións como a Liga Provincial, e impulsando tamén iniciativas formativas nos propios equipos e nos centros educativos", afirmou.

A maiores, García explicou que cada regata que a conforma pretende "promocionar o deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en probas federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base", pois, lembrou, cada unha delas "está organizada por un conxunto diferente", contribuíndo a "distribuír" o retorno económico e social que xeran estas citas.