Rubén Albés xa exerce como adestrador do Sporting

O preparador galego, presentado oficialmente esta terza feira, opta ao ascenso.
A meta do preparador olívico non é outra que o ascenso á elite. (Foto: Sporting de Xixón).
photo_camera A meta do preparador olívico non é outra que o ascenso á elite. (Foto: Sporting de Xixón).

Real Club Deportivo da Coruña e Rácing Club de Ferrol conforman a representación da Galiza na categoría de prata do fútbol masculino estatal, mais moi cerquiña do país, nunha Asturias onde nin Real Oviedo nin Sporting de Xixón foron quen este ano de regresar a Primeira División pese a clasificarse para disputar os play-offs de ascenso, haberá un adestrador galego.

Trátase de Rubén Albés, home escollido pola directiva do conxunto branquivermello para suceder Miguel Ángel Ramírez logo de que este último non lograse un obxectivo que volverá a ser a gran meta do equipo, como non ocultou durante o seu acto de presentación, que tivo lugar no Estadio do Molinón.

Porque aos seus 39 anos, o preparador vigués afronta o maior reto da súa carreira, logo do seu paso polo filial do Real Club Celta en Segunda B, o Club Deportivo Lugo -co que logrou a permanencia durante dúas tempadas consecutivas na categoría de prata- e un Albacete no que foi de máis a menos, accedendo á promoción a Primeira na súa tempada inicial, pero sendo destituído na segunda, o pasado mes de marzo logo dun empate na casa, precisamente, ante o Rácing Club de Ferrol.

Agora busca cotas maiores en Xixón, onde o nivel de esixencia será moito máis elevado: "Temos que estar en disposición de poder ascender, aínda que son consciente de que a dificultade é máxima, pero aí entra a parte de ter un pouquiño máis que os demais no referente ao traballo, a mentalidade e a conexión coa nosa xente".

O Celta abre a pretempada contra o veciño Benfica

O Real Club Celta de Vigo oficializou esta terza feira que o seu calendario competitivo da pretempada comezará o próximo 13 de xullo. Será, concretamente, ás 20 horas no Municipal de Águeda, onde xogará ante nin máis nin menos que o Benfica de Lisboa, segundo clasificado do campionato luso, só por detrás do Sporting de Portugal.

Este duelo únese así ao partido amigábel que levará a cabo contra o West Ham en Inglaterra o 10 de agosto ás 16 horas e, aínda que non está confirmado pola escuadra olívica, ao que a medirá co Gil Vicente o 26 de xullo, cinco días antes de que a formación portuguesa reciba o Dépor no Cidade de Barcelos. 

Comentarios