“Os ex directivos están en prisión mais no tema das caixas aínda fica moito por investigar”

Clodomiro Montero, secretario nacional de CIG Banca, lembra que entran na cadea polas prexubilacións cando neses anos se finiquitou o sistema financeiro galego.

clodo

- Cinco exdirectivos de NCG entran en prisión polo caso das prexubilacións. Faise, finalmente, xustiza?

- Aínda fica xustiza por facer. Estamos falando dunhas persoas que entran en prisión polas pre-xubilacións que se aseguraron sabendo como estaba a cousa, mais aínda queda todo o importante: os case 10.000 millóns de euros do resgate das caixas, tanto como o orzamento da Xunta para este ano. Arruinaron as entidades, tivo lugar un proceso de reestruturación de entidades financeiras que só pode ser calificado como opaco... Así que si, fica moito por investigar. De feito, dise que a xustiza é lenta, mais polo que se ve é moito máis rápida que a comisión de investigación das caixas...

- Agora que xa pasou un tempo, e podemos mirar con certa perspectiva, como se puido dar todo aquilo? A desaparición das caixas, todas esas prexubilacións millonarias...

- Na orixe hai unha decisión ideolóxica: que as entidades financeiras se auto-regulen a si propias. Iso levou a unha especulación pura e dura. As caixas galegas eran rendábeis no país, iso non se dubida. Mais apostaron na expansión no estado, sen cabeciña e á procura do negocio do tixolo. Non houbo, ademais e isto é moi importante, ningún control por parte do Banco de España ou da Xunta de Galiza, que eran quen tiñan as competencias e a responsabilidade de facelo.

Mais a pregunta é: estamos agora mellor que daquela? Pois hai que dicir que non se avanzou nada, que non cambiou a mentalidade nin se adoptaron as medidas necesarias.

- E hai responsabilidades políticas? Unha cuestión que debería pairar naquela comisión de caixas do parlamento galego..

- Aquela comisión foi un paripé. O PP non tiña interese ningún en que fose para adiante. O que hai que dicir é que eses directivos que agora entran en prisión seguiron nos seus postos por presións de Abel Caballero aceptadas polo PP. Ambas as dúas forzas, populares e socialistas, modificaron a Lei de Caixas para que puidesen manterse á fronte da nova entidade, a pesar de que en base a esa lei non podían continuar nela.

Comentarios