A Galiza experimenta o maior encarecemento da vivenda entre as autonomías do Estado español

Onde máis encareceu a vivenda foi na Galiza (+21,3%) en Castela-A Mancha foi onde máis abaratou (-11,6%). [Infografía: Nós Diario]
O prezo do metro cadrado aumentou 21,3%, 10 puntos porcentuais por siba da porcentaxe anotada pola segunda autonomía con maior encarecemento e 20 puntos máis que a media estatal de 1,3%, segundo a comparativa anual do Centro de Información Estatística do Notariado difundida polo Colexio Notarial da Galiza.

A Galiza experimenta o maior encarecemento do prezo da vivenda entre as autonomías do Estado español cunha suba do prezo do metro cadrado de 21,3%, 10 puntos porcentuais por siba da porcentaxe anotada pola segunda autonomía con maior encarecemento e 20 puntos máis que a media estatal de 1,3%, segundo a comparativa anual do Centro de Información Estatística do Notariado difundida polo Colexio Notarial da Galiza.

Neste sentido, en maio de 2024, con respecto ao mesmo mes do ano anterior, en 11 autonomías rexistrouse un encarecemento no prezo da vivenda e en seis diminuíu. Por orde de magnitude, rexistráronse subas de dous díxitos na Galiza (21,3%), Cantabria (11%) e País Valencià (10,1%).

O custo do metro cadrado tamén ascendeu en Castela e León (7,9%), Madrid (7,8%), A Rioxa (6,9%), Nafarroa (5,4%), Catalunya (4,8%), Aragón (4,6%), Canarias (2,2%) e Andalucía (0,8%). Pola contra, os prezos baixaron en Castela-A Mancha (-11,6%), Euskadi (-7,8%), Asturias (- 5,7%), Balears (-5,4%), Murcia (-2,4%) e Estremadura (-1%).

Medra a compravenda

A compravenda de vivendas aumentou en maio de 2024 en 14,6% na Galiza, moi por riba da media estatal de 3%. Ademais, a concesión de prestamos hipotecarios para a adquisición de vivenda incrementouse en 26,4% interanual, fronte á taxa de 9,8% no conxunto do Estado.

En concreto, segundo os datos achegados polo Colexio, na Galiza o número de compravendas alcanzou en maio as 2.368 unidades. Por tipo de vivenda, producíronse 1.710 compravendas de pisos, 19,2% máis que no mesmo mes de 2023, e 658 de unifamiliares, 4,3% máis.

A reactivación do mercado inmobiliario na Galiza provocou unha alza considerábel no custo da vivenda. Así, o prezo dos pisos aumentou 12%, até os 1.370 euros por metro cadrado de media, e o das vivendas unifamiliares, creceu 25,6%, situándose nos 826 euros por metro.

A nivel estatal, a compravenda de vivenda creceu en 13 autonomías e reduciuse en catro. Rexistrouse unhas suba por encima da media na Rioxa (63,8%), Euskadi (17,8%), Estremadura (15,6%), a Galiza (14,6%), Asturias (9,6%), Castela e León (8,1%), Aragón (8,1%), Cantabria (7,1%), Madrid (5,1%) e Castela-A Mancha (3,1%).

Pola súa parte, por baixo da media do Estado español situáronse Catalunya (2,6%), Andalucía (1,2%) e o País Valencià (0,3%). Ademais, rexistráronse descensos da compravenda de vivendas en Nafarroa (-30,8%), Balears (-11,9%), Canarias (-11,1%) e Murcia (-1,6%).

Descende a superficie media da vivenda

A superficie media da vivenda descendeu na Galiza (-8,4%), que experimentou a segunda maior caída entre autonomías, só por detrás de Nafarroa. Por contra, o tamaño medio das vivendas aumentou no conxunto do Estado español (+0,8%). En 10 comunidades rexistráronse ascensos e, en sete, caídas.

Desta maneira, o aumento na superficie da vivenda foi superior á media nas Balears (7,1%), Asturias (6,9%), Cantabria (5,6%), Estremadura (5,4%), Aragón (3%), Murcia (2,9%), Catalunya (2,9%), Castela-A Mancha (2,6%) e Canarias (2,5%), mentres que no País Valencià foi de 0,6%. Por contra, diminuíu en Nafarroa (-9,2%), a Galiza (-8,4%), Castela e León (-4,4%), Euskadi (- 2,7%), A Rioxa (-1,9%), Madrid (-0,8%) e Andalucía (-0,03%).

Contía das hipotecas

Os 1.053 préstamos hipotecarios que se concederon na Galiza para a adquisición de vivenda tiveron unha contía media de 122.739 euros, o que supón un aumento interanual de 12,4%. Neste sentido, 44,5% das compravendas efectuadas a nivel galego financiáronse mediante un préstamo hipotecario, unha porcentaxe que alcanza 46,3% no conxunto do Estado español. Ademais, nestas compras con financiamento, a contía dos préstamos supuxo de media 72,2% do prezo, fronte a 71,9% a nivel estatal.

Os préstamos hipotecarios para adquirir vivenda creceron en 13 autonomías mais tiveron descensos en Nafarroa (-26,3%), Canarias (-6,9%), Balears (-5%) e Castela A-Mancha. As comunidades cuxas taxas superaron a media foron A Rioxa (80,7%), a Galiza (26,4%), Estremadura (22,7%), Cantabria (18,9%), Castela e León (14,8%), País Valencià (13,4%), Euskadi (12,8%), Catalunya (11,2%) e Andalucía (9,9%).

O número de novos préstamos aumentou por baixo da media en Madrid (9,5%), Asturias (5,4%), Murcia (4,1%) e Aragón (3,4%). En canto á contía media dos novos préstamos hipotecarios para a adquisición de vivenda, a evolución seguiu sendo dispar, pois creceu en 12 autonomías e decreceu en cinco.

Por último, os datos do Centro de Información Estatística do Notariado (CEN) tamén revelan que en marzo de 2024 constituíronse 414 sociedades na Galiza, o que supón un aumento de 4,9% interanual (0,9% de media no Estado español). A creación de novas sociedades aumentou en 12 autonomías e diminuíu en cinco.