Compromiso por Galicia defende que se disolva a corporación de Compostela

CxG vén de reclamar a disolución da corporación municiapal de Compostela despois de se facer pública a nova imputación do alcalde Ángel Currás, por prevaricación e acoso moral.
Xoán Bascuas
photo_camera Xoán Bascuas

A organización liderada por Xoán Bascuas defende a disolución da corporación municipal debido á “imposibilidade manifesta de gobernar” unha vez o alcalde foi de novo imputado neste caso por prevaricación e acoso moral. A acusación súmase ás que pesan tamén sobre o alcalde saído das urnas nas pasadas eleccións, Gerardo Conde Róa, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Albino Vázquez.

Unha xestora que goberne

Xoán Bascuas require do Consello da Xunta que bote a andar os trámites precisos para que o Consello de Ministros, como recolle a lei Reguladora das Bases de Réxime Local, “proceda a disolver a corporación municipal de Santiago e constitúa unha xestora designada polas forzas políticas presentes no Parlamento de Galicia que se encarguen de afrontar temporalmente os grandes retos da cidade ata as próximas eleccións muncipais”.

Recoñece CxG o extraordinario dunha situación onde cómpre aplicar medidas tamén singulares xa que “os imputados deben centrarse na súa defensa” polo que indica que Currás ten que “marchar” e deixar de “aferrarse ao poder”. O Secretario Local de Compromiso por Galicia en Compostela, Modesto Toribio acusou tamén o PP local de estar a “danar” a imaxe da cidade.

CxG súmase así á plataforma cidadá que este domingo reunía a unhas cen persoas en Santiago para reclamar transparencia para o Concello e a eliminación da corrupción, para o que pedían tamén a disolución da corporación municipal.

Comentarios