Pobra do Brollón asumirá o re-pagamento hospitalario

Así o anunciou o alcalde da localidade, Xosé Luís Maceda (BNG) que se suma a Riotorto, Monforte, Ribadeo e Pedrafita. O alcalde de Pol (Lugo), avanzou que valoran sumarse a esta iniciativa se ben estudan a súa legalidade. 

"Cando se trata de fixar prioridades, nós estamos coas persoas". Así se pronunciou esta sexta feira o rexedor da Pobra do Brollón, Xosé Luís Maceda (BNG) após anunciar que a administración local pagará os tratamentos d@s doentes crónic@s atinxid@s polo re-pagamento aprobado polo Partido Popular. 

Con este, suman xa cinco os concellos que asumirán o custe dos medicamentos naqueles casos en que os tratamentos se atopen atinxidos polo decreto publicado polo goberno español. 

Após o anuncio de Pobra do Brollón son 5 os concellos que asumirán o re-pago se a Xunta non dá marcha atrás

Neste senso, Maceda asegurou que confía en que "a presión social" remate por tombar a medida que di, "significa cruzar todas as liñas vermellas". Asemade, o rexedor nacionalista bateu contra as declaracións de Alfonso Rueda, e lembrou que "pagar a medicación dun enfermo de cancro, SIDA ou leucemia non é unha cuestión accesoria" --como afirmou o vice-presidente da Xunta de Galiza-- senón que constitúe un dereito fundamental. 

Tamén así, o alcalde do concello de Pol (Lugo), o socialista Lino Rodríguez, avanzou que de se aplicar o decreto a súa administración valoraría sumarse a esta campaña de insubmisión liderada polos rexedores nacionalistas. No entanto, aclarou, están a estudar a legalidade da mesma pois, dixo, podería vulnerar o marco normativo. 

Comentarios