Sanjosé anuncia que construirá o Louvre de Abu Dhabi por 660 millóns de dólares

A construtora Sanjosé construirá a sede do Museo do Louvre en Abu Dhabi, ao gañar o concurso para un contrato de 660 millóns de dólares. Trátase da primeira sede do centro de arte fóra de Francia e ten previsto a súa apertura no 2015.
Recreación do proxecto arquitectónico
photo_camera Recreación do proxecto arquitectónico

A adxudicación do contrato depende da Sociedade para o Desenvolvemento do Turismo e a Inversión, unha compañía que xestiona o ámbito cultural e turístico en Abu Dhabi. Sanjosé Constructora faise co contrato en “joint venture” coas empresas Arabtect e Oger Abu Dhabi LLC.

A construción, segundo informa a empresa na súa web, iniciarase inmediatamente coa estrutura de formigón que se finalizará no primeiro cuarto do 2014. O museo proxectado polo Premio Pritzker Jean Nouvel contempla a construción dunha cúpula de encaixes xeométricos que dará nunha “encantadora chuvia de luz”, segundo consta no proxecto arquitectónico. A etapa final do proceso construtivo inclúe a retirada de plataformas de terra e traballos mariños que farán que “este edificio de clase mundial se transforme nunha illa propia”.

O Museo construirase no Distrito Cultural de Saadiyat, proxecto do Emirato que ten vontade de se converter en nucleo de intercambio cultural.

A superfície construída será de 64.000 metros cadrados nun complexo de pabellóns, corredores, canles e praias á maneira dunha cidade que flota sobre o mar. Con inspiración de arquitectura árabe cun domo de 180 metros de diámetro con apariencia de suspensión no aire e un xogo de luz, auga e sombras. O espazo expositivo contempla 9.200 metros de galería de arte, 6.000 de galería permanente e 2.000 para exposicións temporais.

En paralelo coa construción do edificio, o Louvre Abu Dhabi está facéndose coa súa colección permanente de arte que se nutrirá tamén con préstamos de 21 museos franceses, desde o propio Louvre até o d´Orsay ou o Pompidou.

En 2015 está previsto que o Museo do Louvre abra a súa sede no Distrito Cultural de Saadiyat que conta albergar tamén outros proxectos como o Zayed National Museum ou o Guggenheim Abu Dhabi, que teñen prevista a apertura en 2016 e 2017. O primeiro centro do Louvre fóra de Francia abrirá no Emirato despois dun acordo asinado en 2007 entre o goberno francés e o de Abu Dhabi.

Sanjosé desenvolveu nos últimos anos proxectos en Portugal, Romania, Alemaña, Francia, Arxentina, Perú, Brasil, Uruguai, Paraguai, Chile, Estados Unidos de América, México, Panamá, Cabo Verde, Angola, Mozambique e India

Comentarios