Suspendidos varios voos do aeroporto de Beirut ante un posíbel ataque israelí

Benjamin Netanyahu (Foto: Amos Ben Gershom / Israel Gpo / Europa Press / Contacto).
O Gabinete de Defensa de Israel deu autorización ás Forzas Armadas israelís para realizar operacións en territorio do Líbano.

A maioría dos voos que ían saír ou chegar ao Aeroporto Internacional de Beirut, no Líbano, sufriron atrasos ou cancelacións ante posíbel ataque israelí en represalia polo ataque desta fin de semana nos Altos do Golán, territorio sirio ocupado por Israel, que deixou 12 persoas mortas. Israel asegura que este ataque partiu do Líbano e atribúe a súa autoría a Hezbolá.

A páxina web do aeroporto do Líbano amosa que a maioría dos voos programados entre a medianoite e as seis da mañá desta segunda feira foron pospostos ou suspendidos. Entre as aeroliñas afectadas por estes feitos están Qatar Airways ou Turkish Airlines.

Estas cancelacións súmanse aos atrasos de outros voos programados pola compañía libanesa Middle East Airlines, que xa tiñan que ter aterrado na terminal de Beirut nas primeiras horas desta segunda feira e aínda non está de todo claro cando o farán.

Ademais, os Estados Unidos de América emitiron este domingo unha alerta de viaxe ao Líbano debido á “crecente tensión na rexión” que está provocando que “algunhas aeroliñas axusten os seus horarios de voo”.

A Embaixada dos EUA alentou a cidadanía estadounidense “que viaxa desde ou cara ao Líbano a que supervisen o estado dos seus voos, a que sexan conscientes de que os itinerarios poderían cambiar con pouco ou ningún aviso e a que fagan plans alternativos”.

Israel autoriza o Exército a actuar no Líbano

O Gabinete de Defensa de Israel deu autorización ás Forzas Armadas israelís para realizar operacións en territorio do Líbano en resposta polos ataques do sábado sobre os Altos do Golán. Para esta reunión, o presidente Benjamin Netanyahu adiantou a volta da súa viaxe aos Estados Unidos.

Xa anteriormente, avións do Exército de Israel atacaron múltiples localidades do sur do Líbano tras os ataques acontecidos o pasado sábado alegando a presenza de “obxectivos terroristas” de Hezbolá. Todo fai parecer que esta situación podería ir a máis nas próximas horas.