O xuíz que investiga Begoña Gómez cita Pedro Sánchez a declarar como testemuña

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e a súa muller, Begoña Gómez (Foto: Álex Cámara / Europa Press).
A comparecencia terá lugar o próximo 30 de xullo ás 11 horas na Moncloa.

O xuíz Juan Carlos Peinado citou o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, para declarar como testemuña o próximo 30 de xullo, ás 11 horas, no marco da investigación que dirixe contra a súa esposa, Begoña Gómez, por presuntos delitos de tráfico de influencias e corrupción nos negocios.

Nunha providencia, o titular do Xulgado de Instrución Número 41 de Madrid explica que a comparecencia terá lugar na Moncloa, en virtude do que estabelecen os artigos 412 e 413 da Lei de Axuizamento Criminal (LeCrim). Estes artigos fixan que cando a declaración do presidente do Goberno fose "sobre cuestións das que non tivese coñecemento por razón do seu cargo", o xuíz desprazarase ao seu domicilio ou despacho oficial.

Nesta causa o xuíz investiga "todos os actos, condutas e comportamentos" levados a cabo por Begoña Gómez "desde que o seu esposo é o presidente do Goberno que se conteñen na denuncia inicial" presentada polo sindicato de extrema dereita Manos Limpias.

No seu escrito, o instrutor defende que ve "conveniente, útil e pertinente recibir declaración ao esposo da investigada". A LeCrim, con todo, no seu artigo 416, di que Pedro Sánchez como cónxuxe de Begoña Gómez estaría "dispensado da obrigación de declarar".

Fontes xurídicas consultadas precisan que iso non lle eximiría da obrigación de comparecer ante o xuíz, polo que até que o instrutor non se presente na Moncloa, o presidente do Goberno español non podería acollerse ao devandito artigo.

De fronte ao interrogatorio previsto para o 30 de xullo, o xuíz requiriu aos servizos informáticos da Comunidade de Madrid para que, acompañados de axentes da Policía Xudicial, "acudan o día 29 de xullo" á sede do Palacio da Moncloa. O instrutor tamén designou a dous técnicos para que acompañen á comisión xudicial por se o día da declaración hai "algún incidente".

Así as cousas, prevese que a comparecencia do presidente do Goberno español quede gravada e se achegue ao procedemento no que xa figuran tres investigados e investigadas: Begoña Gómez; o reitor da Universidade Complutense de Madrid, Joaquín Goyache, e o empresario Juan Carlos Barrabés.

Gómez acolleuse ao dereito a non declarar

A decisión do maxistrado ten lugar despois de que a pasada sexta feira Begoña Gómez se acollese ao seu dereito a non declarar tendo en conta que o seu avogado recomendou que así o fixese por apreciar falta de garantías no procedemento que se dirixe na súa contra.

"A miña representada non declarou non porque teña nada que esconder, senón porque esta defensa recomendoulle que non se fixese esta declaración", sinalou o seu avogado, Antonio Camacho, en declaracións aos medios de comunicación á saída dos Xulgados de Praza de Castela, en Madrid.

A esposa de Pedro Sánchez estaba citada a declarar como investigada por presuntos delitos de tráfico de influencias e corrupción nos negocios no marco dunha causa que ten a súa orixe nunha denuncia que Manos Limpias presentou en abril. No procedemento tamén exercen a acusación popular Vox, Hazte Oír, Iusticia Europa e Movimiento de Regeneración Política.

A Fiscalía opúxose a que se admitise a denuncia inicial, entre outros motivos porque está baseada en recortes de xornais e a súa admisión nestas circunstancias vai en contra da doutrina estabelecida polo Tribunal Supremo.

A citación da pasada sexta feira acordouse despois de que o 5 de xullo o xuíz decidise suspender a comparecencia porque Gómez asegurou que descoñecía os feitos que se lle imputaban e a súa defensa avisou de que unha das querelas, a de 'Hazte Oír', non lle fora notificada.