O 9-N haberá urnas en 938 dos 947 concellos de Catalunya

Mentres os partidos soberanistas continúan negociando para apareceren como un bloco politicamente unido, a administración catalá ultima os detalles para a consulta do 9-N.

9-N
photo_camera Joana Ortega, coas urnas do 9-N. Foto Vilaweb.

O despregamento de meios da Administración catalá -que organiza o novo 9-N sen o apoio do Estado e coa espada de damocles de que calquer acto administrativo que promulgue arredor da consulta poda ser recorrido por Madrid perante o TC- permitirá que un 99% das cidadás e dos cidadáns de Catalunya podan exercer o seu dereito a decidir o 9 de Novembro.

Segundo informou esta cuarta feira en conferencia de imprensa a vicepresidenta do Govern, Joana Ortega, finalmente haberá locais para votar en 938 dos 947 municipios catalás. En total vanse habilitar 1.255 colexios eleitorais e un total de 6.430 urnas.

A Generalitat poderá organizar este xigantesco dispositivo grazas ao masivo apoio da sociedade civil. Até agora, téñense rexistado como voluntarias e voluntarios para atender a consulta máis de 30.000 persoas. Esta cifra desborda até as previsións da Administración catalá, que só precisaba de 20.000 voluntari@s para materializar a consulta.

Os 9 concellos en que non haberá urnas son Sant Cugat Sesgarrigues, Pontons, Castellví de Rosanes (Baix Llobregat), Arres, Bausen, Canejan, Almatret, Horta de Sant Joan e Vespella de Gaià. Iso significa que as veciñas e os veciños destas localidades terán que se deslocar aos concellos próximos para exerceren o voto.

Acordo Mas e Junqueras para a consulta

Artur Mas e Oriol Junqueras acadaron nesta cuarta feira a un acordo para que a consulta alternativa do 9N sexa "un éxito".Mais o acordo non implica nin eleccións anticipadas (das que non se falará até pasada a consulta) nin a entreda de Esquerra no goberno catalán. 

Máis en Països Catalans
Comentarios