Esta semana poderá ser a definitiva canto á posíbel convocatoria de eleccións anticipadas e de carácter plebiscitario en Catalunya, despois de que ERC e CiU achegasen nas últimas horas posturas co fin de reactivar o proceso soberanista, paralizado nas últimas semanas ante as diferenzas das dúas principais forzas nacionalistas, que coa axuda de movementos sociais e despois de que desde a esquerda CUP ou ICV pedisen tamén acudir ás urnas parece que se inicia outro camiño que centrará na cuestión territorial o ano de eleccións no Estado que se acaba de iniciar.
A propia ANC mesmo deixou caer a posibilidade de presentarse ás eleccións se "non se toman decisións"
Así, o coordinador xeral de CDC, Josep Rull, confirmou que o presidente da Generalitat, Artur Mas, reunirase esta semana co de ERC, Oriol Junqueras, a ANC, Òmnium e a AMI e que “non se pode manter o debate permanente de carácter indefinido". En declaracións aos xornalistas no barrio barcelonés de Sant Andreu, Rull resaltou que se celebrará a reunión "para tecer o acordo que permita culminar con éxito o proceso".
Pola súa banda, o portavoz de ERC no Congreso, Alfred Bosch, di que o partido está de acordo "até a última coma" coa proposta do presidente da Generalitat de concorrer ás eleccións con listas separadas e que sexa a de Mas a que incorpore independentes.
Desde ERC aceptan que independentes formen parte da lista de CiU e concorrer en separado
Ademais, a presidenta da ANC, Carme Forcadell, avisou de que, se Mas e Junqueras, "non toman decisións, alguén terá que facelo". Preguntada pola posibilidade de que a ANC modifique os seus estatutos para presentarse ás eleccións se non se alcanzar un acordo, dixo: "Non vexo nada imposíbel, porque o obxectivo da ANC é conseguir a independencia". No entanto, todo indica que haberá un acordo entre CiU e ERC que faga innecesaria esa opción.