Desvelan negociacións secretas en Catalunya entre CiU, PP e PSOE

Os tres partidos mantiveron xuntanzas para “evitar o choque institucional” e levar a un rego controlábel o proceso soberanista, que este 9-N vive unha xornada decisiva.

Artur Mas
photo_camera Artur Mas

Reunións de alto nivel, pero secretas e cunhas propostas que non sempre cadraban coas que se lanzaban despois á opinión pública. Así levan un tempo actuando CiU, PP e PSOE, segundo informa hoxe 'El Periódico de Catalunya'. Co 9-N como cuestión central, os tres partidos básicos do sistema constitucional de 1978 -malia que agora @s nacionalistas cataláns manteñan serias discrepancias- buscan o que eles mesmos definen como “evitar o choque institucional”, isto é, levar un rego controlábel o proceso soberanista que desborda as rúas de Catalunya. 

Os tres partidos, asinantes todos da Constitución, poderían buscar unha reforma constitucional que recoñeza a Catalunya como nación pero non lle conceda a soberanía

Así, a procura dun pacto que inclúa unha reforma constitucional que permita unha mellora fiscal para Catalunya, así como o seu posíbel -e simbólico- recoñecemento nacional son as cuestións que están sobre a mesa nunhas xuntanzas que buscan frear os multitudinarios desexos de autodeterminación segundo os intereses dos partidos de poder tradicionais, agora moi desgastados en Catalunya, onde a independentista ERC semella ser xa a primeira forza. 

Joan Rigol (CiU), José Enrique Serrano (PSOE) y Pedro Arriola (PP) foron as persoas que mantiveron esas reunións en nome de Artur Mas, Pedro Sánchez e Mariano Rajoy. Porén, o 9-N segue adiante, co voluntariado como actor principal con apoio do goberno catalán ante as prohibicións xudiciais e mirada atenta desde Madrid, con case 5.000 antidisturbios preparados. 

Máis en Països Catalans
Comentarios