Unió xa fala abertamente de rachar a súa histórica alianza con Convergència

O secretario xeral de UDC afirma que a súa formación “non está disposta a ser un simple apéndice dos acordos entre CDC e ERC” poucos días despois que o representantes da coalición en Madrid votasen distinto.

Unió UDC catalunya
photo_camera Unió UDC catalunya

O secretario xeral do comité de goberno de UDC, Ramón Espadaler, avisou este sábado de que a formación "non está disposta a converterse nun simple apéndice, se fora o caso, dun acordo programático entre CDC e ERC", o que significa que xa se fala abertamente dunha posíbel separación entre as dúas forzas de CiU, aliadas de sempre pero distantes xa que Unió amósase favorábel ao federalismo namentres que Convergéncia aposta pola independencia. 

Segundo Espadaler "UDC está disposta a interlocutar e no seo da federación a debater e facer achegas, pero "non a sumarse acriticamente a un acordo que se poida dar entre CDC e ERC". "Adhesión gratuíta non, pero si á suma responsábel facendo achegas desde o que somos e desde o que representamos, desde a moderación que fomos sempre. En Unió, estamos dispostos e abertos a facelo", remarcou.

"Sumamos de forma responsábel pero desde o que somos, moderados", di Ramón Espadaler

O dirixente de Unió destacou que na reunión municipal que celebrou o partido alzáronse diferentes voces de apoio ao presidente do comité de goberno de UDC, Josep Antoni Durán i Lleida, na quenda aberta trala "clara disfunción" no grupo parlamentario do Congreso ocorrida esta semana, cando os deputados de Convergència votaron nun sentido e os de Unió noutro respecto da reforma do Código Penal que avala a cadea perpetua.

Espadaler expresou que trasladará este apoio ao Comité Executivo Nacional da Federación de CiU da segunda-feira coa "vontade construtiva de resolver esta crise, que non se circunscribe exclusivamente a unha responsabilidade do grupo parlamentario en Madrid, senón que ten que ser tratada en marco dos órganos da federación de CiU".

Máis en Països Catalans
Comentarios