A Fiscalía non investigará o ministro do Interior

Sinala que non hai provas para iniciar pesquisas penais após as denuncias presentadas polas organizacións políticas catalás agás PP e C's no marco das gravacións publicadas polo diario Público. 

Jorge Fernández Díaz_Ministerio de Interior
photo_camera Jorge Fernández Díaz [Imaxe Ministerio de Interior]

A Fiscalía do Supremo sinalou ao fío das denuncias presentada por ERC, PDC, PSC contra o ministro do Interior en funcións, Jorge Fernández Díaz, que non ve indicios de delito nas gravacións publicadas polo diario Público nas que se escoita o político xunto co ex-director da Oficina Antifraude de Catalunya, Daniel de Alfonso, a maneira de sacar á luz trapos suxos dos partidos independentistas cataláns (ERC e a antiga CDC) para minar o proceso independentista catalán. 

A denuncia foi presentada inicialmente perante a Fiscalía de Barcelona que a derivou ao Supremo mais esta di que non iniciará investigación algunha. Esquerra, instaba a investigar presuntos delitos de revelación de segredos, malversación de fondos públicos e prevaricación administrativa. 

ERC estuda denunciar perante Estrasburgo

A decisión da Fiscalía exime, cando menos polo de agora, de responsabilidades penais polo contido das gravacións a Fernández Díaz. Porén, desde ERC aseguran que "non o deixaremos aquí". En declaracións recollidas polo Diari Ara, o portavoz de Esquerra, Sergi Sabrià, sinalou que a formación independentista continuará "até as últimas consecuencias" pois "é un atentado contra os dereitos humanos e se as instancias xudiciais españolas están politizadas faremos o posíbel porque sexa xulgado o caso estexan onde estexan os tribunais". Neste senso, avanzou que estudan a posibilidade de elevar a denuncia até o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, en Estrasburgo. 

Até o momento unicamente Daniel de Alfonso foi afastado das súas responsabilidades. Foi destituído polo Parlament de Catalunya por "un notorio e grave incumprimento dos deberes e obrigas" que corresponden ao seu cargo para alén de ter amosado "unha conduta impropia". 

Pola contra, Fernández Díaz non só mantén a súa responsabilidade como ministro de Interior en funcións senón que foi eleito deputado, de novo, nas eleccións do 26 de xuño, após facérense públicas as gravacións. 

Comentarios