O PP aproba en solitario o teito de gasto

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no pleno do Parlamento galego (Foto: Nós Diario).
O pleno extraordinario do Parlamento galego deu esta cuarta feira luz verde ao teito de gasto presentado polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, cos únicos votos favorábeis do seu partido, o PP. Desde o BNG e o PSdeG criticaron unhas contas que, para o primeiro son raquíticas e para o segundo "conformistas". 

O Partido Popular, nun pleno extraordinario decorrido no Parlamento galego, aprobou esta cuarta feira en solitario -cos votos en contra de BNG e PSdeG, ademais da abstención de Democracia Ourensá- o teito de gasto da Xunta da Galiza para 2025 que quedou en 13.954 millóns.

Na súa intervención na Cámara, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, destacou que a Galiza convértese “na primeira comunidade" en aprobalo e cargou contra o que considerou "infame" preacordo entre o PSOE e ERC para investir o socialista Salvador Illa como president da Generalitat a cambio dun concerto económico para Catalunya. Denuncia, ademais, que ese pacto "dispón dos recursos de todas as comunidades autónomas" e "altera o sistema de financiamento".

Teito “raquítico”

No pleno, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, manifestou o rexeitamento da súa formación ao teito de gasto presentado polo Goberno do PP por ser “raquítico” e “insuficiente” para enfrontar os “grandes desafíos do país” e os “problemas reais da xente real”. A líder nacionalista cre que o límite de gasto aprobado “non vai servir nin para frear a destrución de emprego industrial, nin para garantir rendas dignas aos produtores e produtoras, nin para parar a fuga de talento e o despoboamento, nin para reverter os recortes na Atención Primaria, nin para loitar contra o cambio climático, nin tampouco para apostar por máis medios e recursos para acadar a igualdade real das mulleres”. 

Ademais, lembrou que “tendo en conta a inflación, o límite de gasto de 2025 é inferior ao orzamento de 2009. Necesitaríanse concretamente 350 millóns de euros máis para ter hoxe o mesmo volume de recursos que hai 16 anos”. 

Pontón rebateu o discurso do PP e considerou que “se hai algo histórico é o incremento da débeda, porque nos deixan unha débeda de 12.397 millóns de euros, mentres recortaron en sanidade, educación ou dependencia”, advertiu.

“Falta de ambición”

Pola súa parte, desde o PSdeG, a parlamentaria Patricia Iglesias, na súa intervención, sinalou que as políticas do Executivo de Alfonso Rueda son "conformistas" e destacan pola súa “falta de ambición", virando cada vez máis cara á dereita e prexudicando os servizos públicos. 

"Esta dereita neoliberal estrangula e privatiza sen remilgos o noso estado de benestar", afirmou Iglesias. A parlamentaria socialista destacou no pleno "os problemas actuais na sanidade galega, con longas listas de espera e unha insuficiente atención aos maiores en situación de dependencia". Ademais, criticou o uso de bonos que, segundo ela, só serven para "calar bocas e conciencias" sen abordar os problemas de fondo.

Por último, contrastou a situación económica da Galiza coa do Estado español, subliñando que mentres este último "alcanza cifras récord de emprego e crecemento, Galiza non segue o mesmo ritmo”.