O PSdeG alerta da "urxencia" de medidas ante a "crise marisqueira"

O deputado socialista Julio Abalde no Parlamento galego (Foto: Nós Diario).
O deputado socialista Julio Abalde carga contra a "pasividade" da Xunta da Galiza co sector masqueiro. O PSdeG presentará unha batería de iniciativas rexistradas no Parlamento galego sobre esta cuestión.

O Grupo Socialista exixiulle onte ao Goberno galego que poña en marcha “de maneira urxente” as medidas do Plan de competitividade e sostibilidade do marisqueo da Galiza 2024-2025. Ademais, demandoulle  que deseñe un programa de investigación científico-técnico para ter un diagnóstico das causas da crise que, aseguran, padecen as rías. A intención é propor medidas correctoras inmediatas que consigan “a súa recuperación ambiental, económica e social”.

A iniciativa do PSdeG contempla unha batería de iniciativas rexistradas polo deputado socialista Julio Abalde, nas que solicita que se publiquen os informes nos que se basea ese plan. O deputado socialista lembrou que os datos do marisqueo na Galiza apuntan "cara a unha grave crise que se vén producindo desde hai demasiado tempo”.

A situación, afirma, foi “reiteradamente denunciada” polos profesionais do mar, concellos da costa e partidos políticos, mais “negouna sistematicamente a Consellaría do Mar”.

Contra esa postura, Abalde sinala indicadores “contundentes”, como unha caída das vendas en lonxa de 40 % desde principio de ano, respecto do mesmo período de 2023, o que equivale tamén á metade da media dos últimos vinte anos.

Abalde detalla que a crise tamén afecta á pesca de baixura, que está facturando 26% menos que en 2023 e 37% menos que a media do último cuarto de século. Matiza, ademais, que “nin o incremento de prezos compensa a drástica redución de capturas”. Por este motivo, lamenta que “ante este panorama, a Consellaría negue a realidade e mire para outro lado".

Ante isto, Abalde invitou o Goberno galego a recoñecer o que vén reiterando o PSdeG, que a caída da produción marisqueira “é sistémica” como consecuencia, na súa maior parte, de “procesos vinculados ao cambio climático e á contaminación mariña”. 

Por outra parte, o deputado socialista preguntouse “con  base a que estudos científicos se deseñou o descoñecido Plan de competitividade e sostebilidade?". Diante disto, demandou que a Xunta remita ao Parlamento as medidas contempladas no plan e informe de en que estado se atopa a súa posta en marcha, alén de explicar que estudos se están a realizar para impulsar máis medidas correctoras da situación.