As catro persoas detidas esta fin de semana pola Garda Civil na Galiza no marco da ‘Operación Lusista’ e acusadas de pertenza ou colaboración con Resistencia Galega son trasladadas a Madrid, segundo confirmaron a Sermos Galiza fontes da defensa. As previsións dos letrados defensores é que esta terza feira, ou máis tardar cuarta, pasen a disposición xudicial na Audiencia Nacional.
Os avogados non puideron falar cos detidos, sometidos a incomunicación, nin teñen coñecemento oficial dos cargos que se lles imputan. De non levantarse a incomunicación cando declaren ante o xuíz as persoas detidas estarían asistidas por un avogado de oficio.
Antom G.M ‘Toninho’, Asunción L.C. Miguel G.N e Joam M.S son os catro independentistas detidos este sábado e domingo. A Garda Cilvil acusa os dous primeiros de ser “máximos responsábeis de Resistencia Galega" mentres que a Miguel G.N e Joam N.S considéraos “colaboradores”.
Nas últimas horas diferentes organizacións e colectivos amosaron a súa solidariedade para coas persoas detidas e denunciaron o que consideran unha "criminalización do movemento independentista". Entre elas, Causa Galiza, FPG, Ceivar, Briga, Agor Galiza, Galiza Nova, Xeira, Erguer, Mocidade pola Independencia, o sindicato CUT, Sortu (Euskal Herria), Yesca (Castela), Arran (Catalunya).
O movemento anti-represivo convocou para esta segunda feira concentración de repulsa ás detención.
Compostela: 20:30 Praza de Cervantes
Ferrol. 20:30 Praza Amada García
Vigo 20:30 Farola de Urzaiz
A Coruña 20:30 Obelisco
Pontevedra 20:30 Peregrina
Burela 20:30 Praza do Concello
Ourense 20:30 Praza do Ferro
Lugo 20:30 Praza Maior