Máis de 1.000 alegacións contra o proxecto de minaría a ceo aberto Novo Frixo, na Limia

Recollida de alegacións contra os proxectos mineiros na feira de Xinzo (Foto: Nós Diario).
A Plataforma comarcas Limia-Verín-Non ás Minas informa dunha cifra similar de alegacións contra cada un dos dous proxectos que afectan o concello de Oímbra, e os concellos de Verín e Vilardevós.

Stop Eólicos A Limia-Xurés-Celanova e o Movemento Ecoloxista da Limia, en colaboración coa plataforma Mina Novo Frixo Non, conformada por veciñanza de Cualedro, Laza e Sarreaus, rexistrou esta segunda feira 380 alegacións contra os permisos de investigación ao proxecto Novo Frixo, de minaría a ceo aberto, que afecta a estes tres concellos da Limia.

A plataforma Mina Novo Frixo Non indicou que tiña rexistradas aproximadamente outras 700 alegacións ao proxecto durante o traballo de información á veciñanza realizado nas dúas últimas semanas na Limia.

O prazo de exposición pública nesta fase do procedemento rematou esta mesma segunda feira, e agora a Administración deberá atender e responder as alegacións presentadas pola veciñanza, Concellos e outras entidades e colectivos ecoloxistas.

Tamén rematou o prazo para alegar contra os outros dous proxectos: Novo Cima, que afecta Verín e Vilardevós, e Novo Arboim, que afecta Oímbra. Desde a Plataforma comarcais Limia-Verín-Non ás Minas, destacan a cifra de 1.000 alegacións contra cada un destes proxectos. "A resposta veciñal en apenas dúas semanas de campaña de información e recollida de alegacións ten sido notábel", conclúe o colectivo.

Empresa con sede en Madrid

Unha empresa con sede social na exclusiva rúa madrileña Serrano está detrás dos tres proxectos para a procura de litio que afectan seis concellos de dúas comarcas do sueste galego, Verín e A Limia. Os permisos solicitados por Omega Real Estate SL son para investigación mineira e afectarían unha área total de máis de 3.500 hectáreas.

Os permisos que solicitou Omega Real Estate na Galiza son tres e teñen en común buscar litio, principalmente, mais tamén outros minerais como estaño, volframio e tántalo. Novo Frixo, que afecta os concellos de Laza, Cualedro (ambos os dous na comarca de Verín) e Sarreaus (A Limia), é o máis grande, abranguendo 85 cuadrículas mineiras, ao redor de 2.290 hectáreas.

Verín e Vilardevós (na comarca de Verín) están no proxecto Novo Cima, 420 hectáreas; mentres que o de Novo Arboim supón prospeccións nunha zona de 800 hectáreas en Oímbra (tamén na comarca verinesa).