O BNG e Galiza Nova "clausuraron" este sábado VigoZoo cunha acción simbólica para demandar a transformación deste espazo, agora convertido nun "campo de exterminio" de animais", segundo a fronte nacionalista.
Ademais, exixen a reprobación da concelleira de Medio Ambiente pola "opacidade" a respecto das 13 mortes de animais nos últimos tres anos en circunstancias aínda por aclarar.
Na acción participou o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que reprochou a negativa da edil Nuria Rodríguez a comparecer na Comisión Informativa do Pleno para dar explicacións sobre estes falecementos e por non ter facilitado o acceso aos informes solicitados polas nacionalistas hai 20 días.
"Non podemos soportar máis que a nefasta xestión do Goberno de Abel Caballero teña convertido VigoZoo, que era xa unha moi precaria cárcere de animais, nun verdadeiro campo de exterminio", denunciou o nacionalista.
Para Igrexas, esta problemática é produto do "abandono" do Goberno municipal, por non dotar de persoal nin de medios necesarios para garantir a calidade de vida dos animais que están en catividade nesta instalación municipal.
De feito, desvelou que VigoZoo tan só contaba este sábado cunha coidadora e, segundo informacións do propio centro, a metade do persoal está nestes momentos de baixa polas difíciles condicións para realizar o seu traballo.
Rematar co modelo
O concelleiro do BNG exixiu, nese sentido, facer un "xiro de 180 graos" do actual modelo "caduco e exhibicionista", na liña da proposta realizada durante os últimos anos polo Bloque a través de sucesivas emendas nos orzamentos municipais.
Por este motivo, Igrexas entende que uUrxe implementar a estratexia ZooXXI para transformar este espazo nun gran centro de conservación de fauna e de sensibilización ambiental". Da mesma maneira, rexeitou os anuncios de PSOE e PP para reconvertelo nun parque multiaventuras e nun campamento, respectivamente.
Por último, desde o BNG lembran a "elevada sensibilidade ambiental e animalista" que hai na cidade e que o Pleno aprobou en decembro unha moción do BNG que declaraba Vigo como cidade contraria a toda forma de maltrato animal.