Torrado mantivo un encontro esta segunda feira cos responsábeis socialistas do concello de Barro, aos que apresentou as propostas do PSdeG para "recuperar a calidade perdida na sanidade pública logo dos recortes drásticos aplicados polo goberno de Feixóo", informou a formación en comunicado de imprensa.
Un dos maiores problemas cos que lida a sanidade galega é a precariedade do seu persoal, que Torrado cifrou en 26 por cento, daí que demande un Plan de Persoal que estabilice o emprego neste servizo público. Non pode ser, argumentou o portavoz socialista, que toda a proposta do conselleiro do ramo sexa a de que "é o que hai, hai que traballar por horas e por días".
Torrado botou man do último barómetro do CIS —que situaría a sanidade galega entre as "tres peores de España"— para ilustrar a situación, especialmente preocupante en ámbitos como a pediatría ou a atención primaria.
As críticas dirixiunas tamén á xestión dos orzamentos por parte da Consellaría, con contas que estarían "trampeadas" segundo tería constatado o propio Consello de Contas, alegou Torrado.