Cóntenos como bota a andar esta campaña de Nadal, Mulleres con ás.
Pois xorde, fundamentalmente, por unha necesidade que viamos diante da falta de igualdade, de dar un recoñecemento para as mulleres actuais na Galiza, de empoderar a femia galega na nosa sociedade. No confinamento tivemos tempo de ver que había moitas mulleres facendo mil cousas por Galiza e que non se lles estaba a recoñecer ese labor.
As nosas admiradas Rosalía, Emilia Pardo Bazán... son as mulleres que temos como referentes, pero na actualidade xa hai mulleres que son exemplo a seguir. Por iso tentamos facer unha concatenación do pasado con mulleres do presente para ensinar o futuro. O que lle pedimos ás participantes foi unha colaboración con Lumecú, onde elas nos dixeran cal era a súa referente.
E quen integra esta campaña? Como foi que fixeron a selección?
A selección que fixemos no inicio, no confinamento, realizámola tentando tocar todos os oficios que consideramos de maior relevo, desde o máis tradicional e menos recoñecido, como a viticultura, por exemplo, até mulleres no eido da tecnoloxía ou da ciencia.
Na campaña participan Elena Ferro, que é a zoqueira da Galiza, oficio que ela mesma recuperou; a escritora Tamara Andrés; está tamén Lucía Pérez, a cantante; María Cheda, como parte dos medios de comunicación; está Verónica Ramallal, de Pekecha, a que queremos destacar no márketing dixital; Carmela Silva pola defensa da Igualdade; as gandeiras de Muuhulloa; e Eva López, do programa WomanEmprende... Ademais, claro, de contar con Luz Fandiño, que é a nai do proxecto, aínda que ela di que é a avoa.
Temos unha rede de mulleres moi distintas entre elas pero que, ao mesmo tempo, loitan por algo que nos une e que é a igualdade, o recoñecemento e a defensa dos nosos dereitos. Nese primeiro momento elixímolas nós, foron os nosos referentes, o apoio noutros aspectos do proxecto Lumecú, e agora queremos que cada unha delas amadriñe outra muller para que cada vez a rede sexa máis grande.
Daquela o proxecto terá unha continuidade?
Esta campaña, que leva en funcionamento desde o 25 de novembro, e con moi bo resultado, vai durar até o 6 de xaneiro, pero logo temos interese en continuar o proxecto de cara ao 8 de marzo, buscando unha nova entidade beneficiaria.
Por que decidiron que a primeira beneficiaria fose a Semente de Compostela?
Elixímola porque o pilar fundamental de todo o proxecto é Luz Fandiño. Ela non leva ningún referente, quería levar a Rosalía, pero a nós parécenos que actualmente ela non necesita referente, e pedímoslle que nos dixese a quen lle gustaría doar os beneficios da campaña e ela respondeu rotundamente que a Semente Compostela, polo ensino en galego e en igualdade, que cremos que é o que permitirá reverter a situación da muller.
Explíquenos en que consisten os referentes de cada colaboradora?
Pedímoslle a cada unha que nos dese un referente, por exemplo, Elena Ferro escolleu a súa tía Agripina. Ademais, elixiu unha frase, "Non lle fagas a ninguén o que non queiras que che fagan a ti", e Lumecú bordou con ela unha camisola, que se vende coa bolsa "Eu tamén teño ás". Temos unha rede en Instagram, Mulleres con ás, e tamén a web de Lumecú, onde se presenta cada muller, o seu traballo e os produtos que vendemos.