Opinión

(X) Protesta

TRABALLO: A Revolta de Haymarket, en Chicago, culminou unha serie de protestas iniciadas un primeiro de maio na que os obreiros reclamaban a xornada laboral de oito horas (a conmemoración do día do traballo ten a súa orixe nestes feitos).

TRABALLO: A Revolta de Haymarket, en Chicago, culminou unha serie de protestas iniciadas un primeiro de maio na que os obreiros reclamaban a xornada laboral de oito horas (a conmemoración do día do traballo ten a súa orixe nestes feitos). Cómpre lembrar algunhas declaracións e algunhas afirmacións dos xornais: “Ademais das oito horas, os traballadores van esixir todo o que poidan suxerir os máis tolos anarquistas” (New York Times); “O elemento laboral foi picado por unha tarántula universal e volveuse tolo de remate” (Philadelphia Telegram); “os desfiles nas rúas, as bandeiras vermellas, os discursos de truáns e demagogos que viven dos impostos dos homes honestos pero enganados, as folgas e as ameazas de violencia sinalan a iniciación do movemento” (Indianápolis Journal).

PROTESTANDO: A revolta, como forma de loita social, expresa algún tipo de conflito e ás veces clasifícase segundo sexan as reivindicacións ou os seus protagonistas. Unha rebelión, polo xeral, ten un carácter militar e a súa finalidade é a toma de poder. A sedición mantén unha diferenza de grao (máis leve) coa rebelión. Un motín é unha sublevación multitudinaria contra a orde establecida, xorde de xeito espontáneo e ten un carácter desorganizado. Unha revolución pretende a transformación radical das estruturas políticas, sociais ou económicas.

E a criminalización da protesta social consiste na aplicación da lei coa finalidade de debilitala ou desorganizala.

ACCIÓN COLECTIVA: De acordo con Tilly as formas de acción colectiva dependen do tipo de autoridade e da forma na que se estrutura o poder político. Por exemplo, na época dos pre-estados, as protestas eran localistas, pouco flexibles, violentas e directas, como os motíns de subsistencia ante a subida do pan. Coa aparición dos estados modernos as formas de acción colectiva fixéronse modulares e menos violentas (manifestacións). O movemento social xurdiu nas formas de organización e acción política da clase obreira durante a industrialización. A cuestión a debate foi se era preciso a conquista do poder político ou non (orixe da separación entre anarquistas e comunistas) e, como sinala Wallerstein, unha vez que o estado quedou definido como o interlocutor político incuestionable, o debate centrouse na táctica necesaria para o cambio (reforma ou revolución).

ONDE PROTESTAR: Hai quen di que as manifestacións convocadas nas redes sociais outorgan unha nova forza grazas a globalización. Tamén, que as protestas na rúa, diante dos parlamentos, ocupando as prazas… son os mecanismos máis axeitados no século XXI. Mentres uns afirman que a única protesta válida é o día das eleccións, outros aseguran que hai que camiñar cara unha democracia máis participativa. Incluso hai quen (como Mariano Rajoy) patentou un novo mecanismo para medir a relevancia dunha manifestación: contando os que non acoden.

A QUEN PROTESTAR: O desenvolvemento dun capitalismo global (e financeiro máis que industrial) xerou unha transferencia do poder soberano dende os estados até axencias supranacionais (Unión Europea, Banco Mundial, Fondo Monetario Internacional). Por este motivo, os estados xa non son os interlocutores indiscutibles da protesta mentres que os verdadeiros produtores de decisións económicas teñen pouca visibilidade ou procuran unha invisibilidade que lles permite a impunidade.

Consellos de supervivencia:

-Considere a posibilidade de que detrás dos homes de negro estean os homes invisíbeis. Acorden do Chavo do Oito cando dicía: “eu, ao home invisíbel, non o podo ver nin en pintura”.

-No caso de seren detido nalgunha manifestación e seren conducido a Audiencia Nacional esixa seren xulgado polo Tribunal Económico Internacional. Se lle din que non existe, propoña como presidente do mesmo a Alan Greenspan e, de saberen algo de mecanografía, bote unha solicitude de traballo para o novo organismo (que, como din nos cursos para obter emprego, non se pode desbotar unha oportunidade).

-No caso de preferir saír axiña da comisaría e estar preocupado pola carraxe dos antidisturbios, afirme (con insistencia) que vostede só saía do fútbol e confundiu aos seareiros do seu equipo coa manifestación. 

-Reflexione sobre aquelas institucións, organismos, corporacións ou entidades que teñen máis influencia na súa vida. Pense se pode votar/botar ao presidente de cada unha delas (no meu caso e na última semana, unha ex-caixa de aforros, unha coñecida cadea de tendas de roupa e unha multinacional do automóbil).

-No caso de desalento ante as enquisas electorais, lembre que xa fai algúns anos, nun país distinto ao noso, e dito por alguén que tiñas as súas sombras, puiden escoitar:  

“Os franceses fan folga os luns porque soben o pan; os martes maniféstanse porque gañan pouco; os mércores protestan pola falta de liberdades… E os domingos votan á dereita”.

-E se, desesperanzado, comeza a cantar na cociña algunha canción de Julio Iglesias (estilo “La vida sigue igual”), considere a posibilidade de parar todo isto.

Comentarios