Opinión

Celta ou Depor: só pode quedar un

"Si, dous equipos galegos xogándose o destino en primeira división

 

"Si, dous equipos galegos xogándose o destino en primeira división. Oxalá o consigamos nós. Deséxolle o mellor ao Depor... en Segunda…, pero imos esperar até a derradeira xornada para ver os cruces que se xeran". Con estas verbas respondía Abel Resino a un xornalista na rolda de prensa posterior ao partido que enfrontou o Celta contra o Valladolid, e no que os celtiñas foron quen de achegarse máis á salvación. As declaración, que sacadas de contexto poden significar un odio acérrimo contra o Deportivo, amosan a situación límite que vai vivir o fútbol galego a vindeira xornada.

Só un, Celta ou Deportivo, poderá seguir sendo equipo de Primeira División e irremediablemente Galiza volverá quedar sen derbi na Primeira

Só un, Celta ou Deportivo, poderá seguir sendo equipo de Primeira División e irremediablemente Galiza volverá quedar sen derbi na Primeira.  A carambola nefasta tamén pode levar aos dous equipos a baixar á Segunda Divisón, punto este que voltaría deixar a Galiza sen representantes na élite. Abel Resino, como moitos dos afeccionados do Celta, non lle desexa ao Deportivo ningún mal pero, tamén é verdade que o que queremos é quedar nós en primeira divisón e para iso o Deportivo ten que perder a categoría. Non entendo que as verbas de Resino senten mal, porque reflicten a realidade da salvación. Acaso o Deportivo non quere ver ao Celta en segunda? Claramente si, porque diso depende a súa supervivencia. A circunstancia é ben triste para o fútbol galego porque mentres uns estarán saltando de ledicia, outros estarán afundidos na pena que supón a volta á segunda división.

Eu non son do Deportivo, pero tampouco lle desexo mal ningún. Son afeccionada do Celta desde berce e o que quero é ver ao meu equipo un aniño máis desfrutando da máxima categoría do fútbol, aínda que sexa coa pena de non desfrutar dun derbi galego a vindeira tempada. Agora que conseguimos facer o máis difícil, non imos tirar a toalla no derradeiro momento! Temos que ser quen de gañar para non desbotar nós mesmos todas as opcións. Temos que ser quen de levar a situación a un punto límite para manter até o final todas as nosas opcións. Paradoxalmente, Celta é Deportivo vivirán o sábado que vén o máis agónico dos derbis, sen enfrontarse entre eles. Sálvese quen poida.

Comentarios