Opinión

Depor: co "case case" non se pode soñar

O éxodo coruñés quedouse coas gañas de saír de festa por Valladolid.

O éxodo coruñés quedouse coas gañas de saír de festa por Valladolid. Tan triste foi o regreso, que, antes de iniciar a viaxe de volta, houbo que lamentar a morte dun afeccionado deportivista. José Vicente Rivas Dieste, membro da peña Rouba Risóns da Illa de Arousa, foi deixar a alma e a súa paixón polo Depor a Pucela. O seu corazón non puido máis e deixou de latexar nun hotel da capital Castelá despois de ver o partido.

Antes, Pucela foi conquistada por máis de catro mil gorxas deportivistas, entre as que estaba José Vicente Rivas Dieste. Voces dispostas a ser o motor para marcar todos os goles que precisase o equipo de Vázquez. A esta afección non se lle pode pedir máis. A súa entrega e esforzo por aupar a equipo á permanencia na Primeira División merece un monumento. E desde logo, precisa do recoñecemento da Liga, por ser, sen dúbida, unha afección señorial e exemplar. Foino toda a Liga. CATRO MIL persoas fixeron o esforzo económico, coa que está caendo, para tomar a A-6... puntos que, polo menos, vai precisar o Depor para agarrarse á salvación. Pero non recibiron a recompensa esperada.

O equipo deportivista non estivo á altura en Valladolid, polo menos á altura dos siareiros que enmudeceron durante o encontro á bancada local co seu “esta hinchada nunca se rinde” ou o “Si, pódese”. Os afeccionados fixéronlle o corredor ao autobús branco e azul cando ían cara ao Novo José Zorrilla, coa idea de cargarlles as baterías os futbolistas herculinos. Pero os xogadores deron preocupantes sinais de estaren fundidos, queimados, gripados, de estaren sen forzas e case coas pernas sen gasolina para a dramática recta final. Probablemente, a remontada brutal que ofreceu este equipo, desafiuzado dez semanas atrás, pase agora factura. Mais hai que pensar que aquel esforzo era necesario para poder chegar á operación definitiva, a vida ou morte. O Depor deixou de estar en planta e reingresou na UVI, por méritos propios... e tamén alleos.

O Deportivo fixo un partido de case - case. Case chegaron á porta..., case remataron algún centro..., case marcaron un gol..., case empataron o partido..., case correron...

Porque á beira do Pisuerga, os homes de Vázquez foron un equipo sen chispa, sen sensación de poderen sacar moito máis ca un empate. E foi peor. Foi unha derrota moi dura para os branco e azuis, por como se produciu a derrota. Decepcionante. Non se viu o esforzo por ningures. Esforzo que se viu só nas bancadas.

O Deportivo fixo un partido de case - case. Case chegaron á porta..., case remataron algún centro..., case marcaron un gol..., case empataron o partido..., case correron... Iso non pode ser. De que serviu a remontada das catro victorias consecutivas? Só para alimentar un soño? Certo é que os de Vázquez conservaron o debuxo táctico, gardando ben a compostura, pero sen pólvora. O primeiro disparo á porta foi de Riki no minuto 70 de partido. O gol en contra é culpa dun tremendo erro de concentración de Zé Castro que deixou rematar inocentemente a Javi Guerra dun xeito que ao central só se lle pode quedar a faciana colorada.

O erro arbitral non é banal, se observamos que outros equipos, como o Zaragoza, cobran a prol os erros arbitrais

E por segunda semana consecutiva... chegou o erro arbitral. Un gol anulado por un fóra de xogo que non existiu e que, como moito, so podía alcanzar a categoría de dubidoso vista a xogada en directo. Cando un fóra de xogo é moi dubidoso non se pita. Por riba, coa imaxe conxelada, a conclusión é que o gol debeu subir ao taboleiro de marcas. O erro arbitral non é banal, se observamos que outros equipos, como o Zaragoza, cobran a prol os erros arbitrais, nestas semanas tan decisivas. Son erros que complican a supervivencia, aumentan as distancias, e poden abrir ocos difíciles de superar. A derrota obriga a sacar a calculadora e concluír que son necesarias, polo menos, dúas vitorias e, o mellor, un empate ou de novo, un terceiro e derradeiro triunfo.    

O Depor ten que recapacitar. Nin o partido de Riazor co Athletic de Bilbao, nin o do sábado en Valladolid son exemplo. Pode que o equipo teña os plomos fundidos por desgaste, pero se é así Vázquez vai ter que facer de electricista de urxencia. Como faría Valeriano, un entrañable vello do meu pobo xa falecido, vai ter que coller un par de fíos de cobre e atalos con forza aos extremos da cerámica para que haxa corrente e prenda a luz da saída. Non caben tropezos. Non caben erros, e sobre todo de concentración. As feituras do equipo son correctas, pero a cabeza e as pernas teñen que ir na mesma dirección.

Aínda que se rompeu a cadea positiva, Vázquez vai ter que reinventar a eficaz fórmula do pódese para que dure tres partidos máis. Quizáis, José Vicente Rivas Dieste desde o ceo ilumine o camiño.

Non pode volver pasar que quede a sensación de que estes xogadores son case case de Primeira División. Penso que realmente o son.   

Próximo encontro en Riazor co Espanyol. Logo viaxe a Málaga e remate coa Real Sociedade. Case nada. Cabeza!!!

Comentarios