Opinión

Os desafíos do nacionalismo galego

Acerta a expresión maioritaria do nacionalismo galego, o BNG, ao abrir un período de reflexión

Acerta a expresión maioritaria do nacionalismo galego, o BNG, ao abrir un período de reflexión e ao adoptar unha actitude inconformista e pro-activa, após constatar o 25-M as dificultades que ten á hora de conectar con largos sectores da sociedade galega, algúns dos cales están politizados, embora, infelizmente, a súa politización incipiente se estea a producir en coordenadas ideolóxicas estatais e non autocentradas na Galiza.

Na entrevista que neste número 100 de Sermos Galiza publicamos co portavoz nacional do BNG, fica ben clara a vontade da organización frontista de mellorar dinámicas de traballo e de tender "pontes de diálogo" con novos sectores sociais que, en expresión de Xavier Vence, están a espertar á política.

Ser capaces de ser referentes desas novas camadas sociais rompedoras e facelo desde chaves inequivocamente galegas é o grande desafío que o BNG ten perante si, nun contexto marcado pola atomización de ofertas no campo da esquerda e pola emerxencia dunha alternativa, Podemos, que se reclama do 15-M.

Galiza ten que aparecer nese debate con voz propia e personalidade específica.

Ten razón Vence cando defende a necesidade de galeguizar a axenda e as alternativas políticas. Sen un espazo galego de discusión política, sen pensar a realidade desde nós propios, non ha ser posíbel enfrontar con éxito os nosos problemas colectivos nin tampouco satisfacer as crecentes demandas sociais.

A situación é complexa, mais a crise tamén cría escenarios de oportunidades para o nacionalismo. As nacións móvense e ese movemento de fondo é o que explica a abdicación do Borbón e a súa rápida substitución polo futuro Felipe VI, nun enroque defensivo do búnquer bipartidista que visa, á desesperada, salvar o réxime de 1978.

Galiza ten que aparecer nese debate con voz propia e personalidade específica. Do contrario, o noso futuro será ser unha provincia española de segunda, non só afastados de Euskal Herria e Catalunya, mais tamén de Madrid e Andalucía. O grande repto do BNG é, portanto, impulsar o proxecto nacionalista, tornalo máis atractivo para as grandes maiorías sociais, para dotar a Galiza da ferramenta que precisa para existir como país.

Comentarios