Opinión

Feijóo, no arame

A posición de Feijóo é cada día máis insustentábel.

A posición de Feijóo é cada día máis insustentábel. Politicamente sobrevive grazas ao funcionamento oligárquico-caudillista do seu partido e á acorazada brunete mediática que o suporta, a troca de xenerosas despesas públicas. Mas é unha supervivencia cada vez máis fráxil, pendente dun fío que pode esgazar en calquer momento.

Non se pode enganar o Parlamento de forma sistemática e que iso fique impune a medio/longo prazo. Safa Feijóo a curto, mas en termos políticos a súa carreira está sentenciada se pomos as luces longas e pensamos a dous ou tres anos vista. Xa non é que ninguén pense nel como hipotético relevo de Rajoy no Estado: é que, ao paso que imos, Feijóo pode findar por ser até un lastre para o Partido Popular de Galiza.

A lexitimidade non se residencia nun acto concreto -a vitoria eleitoral-, senón que se debe gañar no día a día. Feijóo non ten neste momento lexitimidade de exercicio.

Non só está o asunto das fotos e o que as imaxes enmascaran. Están tamén as mentiras. As incoherencias. As contradicións. Feijóo é incapaz de manter unha versión única e coherente sobre o seu relacionamento con dúas persoas vinculadas ao narcotráfico, Marcial Dorado e o falecido chófer de Romay Beccaría, Manuel Cruz. Do ponto de vista da rendición de contas ao Parlamento, isto é, á delegación da cidadanía que senta nos escanos da Cámara galega, Feijóo neste momento é un presidente ilexítimo, indigno de ocupar o seu cargo. A lexitimidade non se residencia nun acto concreto -a vitoria eleitoral-, senón que se debe gañar no día a día, no exercicio do cargo. Feijóo non ten neste momento lexitimidade de exercicio. Por mentir. Por ocultar información.

Non só está o asunto das fotos e o que as imaxes enmascaran. Están tamén as mentiras. As incoherencias. As contradicións.

Sermos Galiza xa demandou no seu día a demisión de Feijóo. Non se produciu até o de agora. Mas continúa a ser absolutamente necesaria e urxente, unha medida de hixiene democrática imprescindíbel para homologar o funcionamento da vida pública en Galiza ás democracias máis avanzadas. Un país non pode ter como presidente a unha persoa que, sendo responsábel da sanidade, mantiña relación de amizade con individuos que atentaban contra a saúde das persoas. Un país non pode ter como presidente a quen mente por sistema ao Parlamento.

Dito isto, o PP -que supoñemos é algo máis que o señor Feijóo- equivócase se continúa negando ao Parlamento o acceso aos contratos que as empresas de Dorado asinaron coa Xunta durante a época en que narcotraficante tomaba copas en Ibiza e Cascais co agora chefe da direita galega.

Comentarios