Opinión

O goberno clandestino

Volvo ler na prensa celulítica unha das frases da neolingua conservadora que me deixa esparavanado. É o titular que enche a cuberta, neste caso referida á Xunta: “O goberno galego consegue colocar 1025 millóns de euros de débeda en tan só catro días”. Engádese que a demanda duplicou a oferta e explícase que se poderían ter colocado máis de 2000 millóns.

Volvo ler na prensa celulítica unha das frases da neolingua conservadora que me deixa esparavanado. É o titular que enche a cuberta, neste caso referida á Xunta: “O goberno galego consegue colocar 1025 millóns de euros de débeda en tan só catro días”. Engádese que a demanda duplicou a oferta e explícase que se poderían ter colocado máis de 2000 millóns. Ou sexa, que duplicar é igual a multiplicar por dous: aí vese a confianza destes medios na capacidade dos seus lectores. Tamén se informa de que os principais tomadores son investidores estranxeiros.

Hai que baixar ata a letra miúda, nalgún xornal nin iso, para saber que 800 millóns van para satisfacer créditos anteriores que vencen neste ano, e os 225 restantes son para devolucións ao Estado. De aquí e de acolá haberá tamén que sacar os 400 millóns que o Tribunal de Contas asegura que Feijóo agochou debaixo da alfombra. Mil millóns que por un burato entran e por outro saen, pairando sen deterse sobre a economía real e multiplicando xeometricamente a débeda para os vindeiros anos. Que xogada maestra, Deus, un Nóbel para os gurús de San Caetano!

Deteñámonos na redacción da nova, no que en lingüística se coñece como estrutura profunda e para este caso preferimos chamar “clandestina”. O goberno galego, tamén o central e tamén os de Zapatero, “consegue colocar” a débeda, coma un feirante que é quen de mercar o xato por unha suma inferior á previsíbel a costa de enganar ao gandeiro incauto, e burlado, sen decatármonos de que o gandeiro somos nós. A Xunta, coma os bancos, acaba de colocarlle a cada galego ou galega uns 400 euros en débeda preferente. Para unha parella con dous fillos e unha avoa: 2000 euros.

 "A Xunta, coma os bancos, acaba de colocarlle a cada galego ou galega uns 400 euros en débeda preferente".

Non temos 1000 millóns de euros máis, debemos 1000 millóns de euros máis, pero o que é un síntoma de ruína, caer nas gadoupas da usura, preséntase sempre, literalmente, coma un “éxito”. De feito, as incesantes subastas de débeda do Estado desde o comezo da crise foron todas un éxito. En cada unha delas, pese ao nerviosismo inicial, se “conseguiu colocar” o previsto, en moitas ocasións cunha demanda que cuadruplicaba a oferta. Que digo eu, desde a miña ignorancia, se a xente se pelexa por mercar a nosa débeda, por que non baixan os intereses? Se nunha tenda un produto ten catro veces máis demanda que oferta, o tendeiro pon o prezo que lle peta, ou non?

Outra expresión para deterse nela é que os anónimos tomadores da nosa débeda son cualificados sempre como “investidores”. Non entro en se a súa actividade é lexítima ou despreciábel, pero as cousas polo seu nome. Trátase de especuladores internacionais que viven da desgracia allea, peores que os apostantes dos xogos de azar porque nestes os perdedores son tamén especuladores, saben ao que se expoñen. No caso da débeda soberana a aposta faise entre unha banca coas cartas marcadas (manexo de información privilexiada, fórmulas de cálculo de intereses, subornos ou capacidade de intimidación mafiosa) e uns estados que apostan cos cartos dos contribuíntes e cando os perden piden créditos para seguir apostando porque aseguran que “a máquina está quente e dun momento a outro vai caer o especial”, créditos que máis adiante deberá devolver quen non os solicitou nin os consentiu.

Di ademais a Xunta que grazas a este maná Galiza “blíndase contra un eventual rescate”. A palabra de moda. Agora blíndase o orzamento, o gasto social, a aportación a un museu, un comedor escolar... O único que a metáfora da blindaxe nos di é que vivimos nunha economía de guerra, onde os servizos máis básicos son asediados e atacados sen tregua. Por outra banda, Galiza blíndase a balazos porque... que é ese crédito de 1025 millóns senón un rescate?

"O que a metáfora da blindaxe nos di é que vivimos nunha economía de guerra, onde os servizos máis básicos son asediados e atacados sen tregua"

Na operación quedan pendentes flecos sen aclarar. Por exemplo non se coñecen detalles como o tipo de interese que imos pagar. Imaxinade calquera outro empréstimo no que os tomadores o fosen porque alguén asinou por eles un contrato no que non se explicitan as condicións. Pois nesas estamos. “É información reservada” din, coma o pseudocontrato de Pemex, a xestión do Gaiás, as obras do hospital de Vigo, o custo da volta ciclista ou as cifras de empregados públicos suprimidos ou de asesores contratados. Falan coma se non fosen unha institución pública senón unha empresa privada que se sente vítima de espionaxe industrial e se protexe blindándose ela mesma, baixando á clandestinidade. A non ser que non fagan públicos os datos porque andan moi atarefados coa elaboración da lei de transparencia.

Pero imos ver miñaxoias... Non viviramos por enriba das nosas posibilidades, a base de créditos inasumibeis? A culpa da crise non era do endebedamento descontrolado e non se resolvía coma nas economías domésticas, con austeridade, gastando só o que se ten? E non se pagaba todo ao día porque tiñamos as contas máis saneadas do mundo mundial? Para que pedir nada entón? Dánnos de hostias por guapos e por feos, un xa non sabe que cara poñer.

Comentarios