Opinión

Por que?

Non hai nada peor que morrer na beira. E iso foi o que lle pasou a este Deportivo. 
 
 
 

Non hai nada peor que morrer na beira. E iso foi o que lle pasou a este Deportivo. 

As dúas últimas xornadas foron dúas finais, os partidos contra o Málaga e a Real Sociedade foron como como dúas bolas de partido nos xogos onde se deciden os resultados por sets... Bolas extra de 90 minutos cada unha, que non foron suficientes. Como diría Arsenio Iglesias, o equipo estaba moi esixido. O calendario foi unha trampa mortal. A principio da tempada semellaba unha aterraxe suave, pero o Málaga foi equipo revelación da temporada e a Real un dos catro mellores equipos da Primeira División. Unha desafortunada combinación fatal.

Se miramos só o último partido de Liga, ese no que o Deportivo dependía de si mesmo, ese onde o Depor tiña que gañar si ou si para asegurar a permanencia con seguridade foi un duro colofón. Casualidades da vida, a Real, como o Valencia, vestiu de laranxa. Unha cor que será maldita en Riazor, xa que é a cor que precede o descenso. O equipo de Vázquez foi presa dos nervos. Sen gasolina nas pernas desde hai semanas, os xogadores esqueceron a cabeza na caseta e saíron só co corazón a mil revolucións!!! Todos quixeron ser protagonistas. Quixeron converterse en heroes. Quixeron ser os salvadores. Quixeron darlle o impulso definitivo para agarrarse á Primeira División. Non funcionaron como o conxunto ben engranado que armou Vázquez hai dous meses. Perdéronse moitos balóns no centro do campo, demasiados. As bandas víronse desbordadas. Aos centrais medráronlle os buratos polos que entraba unha Real que fixo moito dano, que sembrou dúbidas e que inoculou o medo no corpo dos futbolistas herculinos. 

O Deportivo caeu pelexando, dando a cara, sen baixar os brazos, sacando peito, crendo no soño que construíu o adestrador galego Fernando Vázquez

Nada acompañou ao cadro deportivista. O Sevilla reconduciu pronto un partido que insuflou folgos extras á Real Sociedade. Pouco durou a alegría dos goles do Valencia tan hipócritamente desexados. Ironías e necesidades do fútbol. A presión medrou moi pronto cando desde Balaídos o Celta se poñía por diante. O Mallorca tamén presionaba desde o fondo da táboa, poñéndose por riba dos branco e azuis. A Real atopouse a trompicóns, exento de tiqui taca, un gol que entrou chorando e case de rebote. Un caldo imposible de cocer ante tantas conxuncións malditas. Na segunda metade sen Bruno Gama, o único home con ideas, pero golpeado mortalmente para o encontro, o Deportivo acelerou as pulsacións máis aínda. Puxeron máis corazón, pero sen atopar o siso esixible cando o precipicio se aproxima. No segundo tempo chegaron algúns deses ohhhh!!! ou uuuuuiiiissss deseseperados e que foron inexistentes no primeiro tempo. A Real encerrouse. Non quixo arriscar e deu por bo aquelo de máis vale paxaro en man que cento voando. Dous balóns á trabe, disparos que pasaron a un e outro lado do pao... pero escapando da rede. O espiritu de Vicente non asistiu esa noite a Riazor, quizais porque era San Justino. 

En fin, moitos elementos en contra moi complicados de superar. 

Pero o Deportivo caeu pelexando, dando a cara, sen baixar os brazos, sacando peito, crendo no seu soño, o que construíu o adestrador galego Fernando Vázquez tras recoller con pinzas un legado entregado feito cinzas. Tivo moito mérito o de Castrofeito. Rozou o soño porque conseguiu recuperar un equipo destrozado pola insensatez e magoado polos crueis resultados da clasificación. O técnico galego soubo devolverlle a moral e o creto a un cadro de xogadores que demostrou compromiso verdadeiro, pero tocado pola impotencia final.

Oltra, 12 puntos en 17 partidos. Domingos Paciencia, 4 puntos en 6 partidos. Fernando Vázquez, 19 puntos en 15 partidos

Hai semanas apuntei que habería que pedir responsabilidades. Hoxe pídoas e sináloas. O descenso do equipo coruñés non foi un problema de xogadores, non foi un problema de portugueses, non foi un problema de superaxentes. Foi un problema de adestrador. Foi un problema dun traballo mal planificado. Foi o froito dun cálculo e unha aposta kamikaze. 

Ese responsable ten nome e apelidos: José Luis Oltra. Un adestrador polo que hai que sacarse o sombreiro polo campionato en Segunda División, pero debe merecer castigo pola súa nula competencia para dirixir un equipo en Primeira División. Todos os seus equipos na máxima categoría foron escandalosamente goleados. Nunca quixo mudar un patrón que levaba á morte, xa na primeira volta, a un equipo feito para resistir sen apuros. Oltra foi moi teimudo e non quixo sacrificar as súas ideas para presumir de morrer coas botas postas, un prezo excesivamente caro. Non se pode ser tan testán, non, cando xogas cos sentimentos e o prestixio de algo que non é seu. Os números non son caprichosos: Oltra, 12 puntos en 17 partidos. Domingos Paciencia, 4 puntos en 6 partidos. Fernando Vázquez, 19 puntos en 15 partidos. O que demostra que se o de Castrofeito  chegara unhas semanas antes o Depor seguiría sendo de Primeira División.

A arroutada de ir a polo partido ante o Betis en Riazor, cando un punto era ouro en plena primeira volta, e que acabou escurríndose entre as mans. Ou un partido como o de Zaragoza encarrilado desde a primeira metade, moi mal xestionado no segundo tempo. Son dous partidos que poñen en entredito a xestión do valenciano, ademais dun traballo permanentemente escaso en defensa, desatado no centro do campo e desbocado na dianteira. Daqueles pos... o Deportivo acabou enlodado. 

Menos mal que queda unha magnífica afición, de dez de principio a fin, que estarán desde hoxe detrás dun equipo que aspirará, se o deixan vivir, por un retorno á Primeira.

Comentarios