Opinión

Por un voto

[Alberte Mera]

Para alén do esperpento vivido no Congreso coa equivocación da presidenta da Cámara dando por derrogado o decreto da reforma laboral do Goberno español, para xusto despois anunciar que foi validado, e indo máis alá da xocosa equivocación do deputado popular Alberto Casero que se ‘trabucou’ até tres veces ao votar desde a súa morada, o certo é que, polo de agora, a reforma laboral do PSOE e Unidas Podemos está aprobada.

Polo de agora, porque o PP xa ten longo historial de recorrer as votacións que perde perante a xustiza. A nova reforma mantén facilidades para o despedimento e déixao a ‘bo prezo’ para as empresas, non recupera a necesidade de autorización da Administración pública para os ERE e mantén a prevalencia dos convenios estatais sobre os galegos e provinciais. Mesmo segue a permitir que os convenios de empresa poidan empeorar os do sector en moitos planos. Con feitos como estes non é de estrañar que a reforma laboral gostase á patronal e que o Goberno tivese que apoiarse nunha estraña amalgama de formacións para sacala adiante: de Ciudadanos ao PDeCat pasando por UPN... que ao final acabou votando como o PP.

Comentarios