Opinión

"Vuelta al cole"

[Xoán Costa]

Estiven nestes días pasados facendo unhas compras nunha superficie comercial en Compostela. Sorprendeume, e tamén me encheu de ledicia, comprobar que a grande maioría das indicacións escritas para os clientes nos orientar naquel mar de posibilidades de mercadexo estivesen en galego. Non é habitual, ben o sabemos. Mais da sorpresa e da ledicia inicial pasei axiña ao desengano e ao descrédito. Foi ao me aproximar a unha vasta prateleira que simplemente indicaba “vuelta al cole”. Sen máis. Tratábase dun estante con diverso material pretensamente de uso escolar e xenericamente etiquetado todo el como “vuelta al cole”. Alí tanto podías encontrar fita de embalar como toda a gama de lapis de cores; clasificadores plásticos como plásticos totalmente innecesarios. E iso sen contar que noutras partes da loxa podías mercar unha tablete, un computador ou unha frixideira de ar con grandes descontos sob o pretexto “vuelta al cole”.

Nada escapa ao ollo da mercadotecnia. Ou, se cadra, si que escapa. Escapa a posibilidade de considerar o galego como lingua útil no 100% dos actos publicitarios. Mais tamén é verdade que a publicidade reflicte a realidade da política educativa da Xunta da Galiza, unha política de “vuelta al cole”, afastada, moi afastada, das verdadeiras necesidades educativas da Galiza.

Comentarios