Opinión

Arxentina, a utopía neo-desenvolvementista

A CTA, a CGT-Azopardo, e a lista Celeste e Branco da CGT convocaron unha folga xeral na Arxentina para o vindeiro 10 de abril. Hai que lembrar que estes dous últimos sindicatos son escisións da CGT, que foi durante moitos anos a central única no país, e que aínda é a que ostenta o recoñecemento oficial en case que todos os ámbitos de representación. A OIT esixiulle varias veces ao Goberno arxentino que tamén outorgue a “personería gremial” á CTA. 

A CTA, a CGT-Azopardo, e a lista Celeste e Branco da CGT convocaron unha folga xeral na Arxentina para o vindeiro 10 de abril. Hai que lembrar que estes dous últimos sindicatos son escisións da CGT, que foi durante moitos anos a central única no país, e que aínda é a que ostenta o recoñecemento oficial en case que todos os ámbitos de representación. A OIT esixiulle varias veces ao Goberno arxentino que tamén outorgue a “personería gremial” á CTA. 

"É unha convocatoria de folga entre forzas sindicais con traxectorias e obxectivos moi diverxentes, historicamente á esquerda e dereita do Goberno"

Segundo Hugo Moyano, dirixente da CGT-Azopardo: “Non é un paro contra o Goberno, senón a prol dos reclamos dos traballadores”. Pola súa banda o secretario xeral da CTA, Pablo Micheli, argumentaba as razóns da folga: “se un olla o que gaña un mestre ou un pai de familia, se olla como avanza o narcotráfico, e que son os raparigos os que están en perigo. Se olla o que gaña un xubilado, que traballou toda a súa vida, dámonos de conta que hai razóns abondo para parar” (www.ctanacional.org). O 20 de novembro de 2012, a CTA e a CGT-Azopardo organizaron un paro xeral que acadou un importante seguimento. 

Sen dúbida esta é unha convocatoria de folga entre forzas sindicais con traxectorias e obxectivos moi diverxentes, historicamente á esquerda e dereita do Goberno; aínda que estas últimas tamén forman parte do ámbito do peronismo, e ate hai pouco do bloque kirchnerista. O Goberno  está presentando o paro como unha acción política artellada para dar folgos a Massa, a principal opción da oposición, tamén ligado ao peronismo, mais cun proxecto claramente neoliberal. Agora ben, todo amosa que esta convocatoria conxunta non ten como obxectivo principal apoiar a oposición partidista ao Goberno de Cristina Fernández, como reflicten as diverxencias ideolóxicas das forzas convocantes, e si esixirlle solucións ao Executivo diante dos graves problemas que enfronta acotío a clase traballadora.

"No balance da década non houbo redistribución da riqueza. Así o reflicte o 34,5% de traballadores en negro"

A Arxentina creceu na última década, xerouse emprego, executáronse medidas para mellorar o ensino e a saúde e, moi especialmente, déronse axudas ás familias máis desfavorecidas. Porén, mantivéronse moi altas a precariedade laboral e os baixos salarios, e a concentración e centralización do capital non se inverteu nen se freou. Unha gran parte da poboación que na década dos oitenta e noventa do século pasado foi esmagada pola pobreza segue atrapada nas axudas sociais e nun futuro incerto. Unha situación moi semellante á do resto da América Latina, mesmo nos estados máis progresistas, se cadra coa excepción dos países da ALBA, onde os cambios son significativos, mais aínda insuficientes. 

No anuario do EDI (www.rebelion.org/docs/178976.pdf), realizado por economistas de esquerda), destácase, que no período 2002-2007 o PIB medrou o 8,8% de media anual e no 2008-2012 o 5,5%, o que non está mal se temos en consideración a crise no centro do sistema. Mais, o emprego creceu o 4,9% de media anual no primeiro período e só o 1,5% no segundo. A evolución da industria manufactureira amosa a perda de empuxe, xa que no período 2002-2007 atinxía o 21,1% do PIB e no 2008-2012 o 18,9%. Na década dos 80 do século pasado era do 30,76%.Estes datos cuestionan a efectividade das políticas industrializadoras do kirchnerismo. 

No referente á evolución social, conclúe este estudo do EDI do ano 2013: “no balance da década non houbo redistribución da riqueza. Así o reflicte o 34,5% de traballadores en negro, a metade da forza de traballo en branco gañando menos da canastra familiar, a virtual desaparición do aguinaldo devorado polo imposto ao salario, o 35% de forza de traballo terciarizada, o 75% dos xubilados gañando unha pensión mínima de miseria (2.400 pesos). Isto termina decantando un 20% dos fogares arxentinos recibindo ingresos (sumando tanto salarios como xubilacións e plans sociais) inferiores ao salario mínimo vital e móbil, entre un 25 e un 30% da poboación baixo a liña de pobreza, tres millóns de mozos de entre 18 e 25 anos que nen estudan nin traballan e un 10% de indixentes. O kirchnerismo, ademais de “agochar” estes números detrás das manipulacións estatísticas do INDEC, escúdase facendo comparacións co solo da crise do ano 2001”. 

"Nesta etapa de globalización neoliberal, as regras de xogo do capitalismo son funcionais exclusivamente ás grandes empresas e estados máis poderosos".

Co kirchnerismo vense os límites das medidas baseadas nas subvencións, cando faltan políticas estratéxicas, sistémicas, que poñan os alicerces dunha redistribución do traballo e da riqueza, e polo tanto do poder. Malia que se favoreceu a industrialización e a unha teórica “burguesía nacional”, está ficou reducida a certos sectores e o capitalismo foráneo non deixou de medrar en importancia (cos seus aliados internos), e polo tanto agudizouse  dependencia do país no eido económico, malia que manteña posturas internacionais avanzadas. En concreto, no ano 1990, o capital foráneo controlaba unha cuarta parte das 200 principais empresas, no ano 2009 xa eran 117. Son as contradicións dunha liña política neo-desenvolvementista que non quere rachar co capitalismo, só facelo funcional aos intereses locais, mediante unha alianza entre unha hipotética burguesía nacional e a clase traballadora, reproducindo serodiamente o peronismo. 

Quíxose ignorar que, nesta etapa de globalización neoliberal, as regras de xogo do capitalismo son funcionais exclusivamente ás grandes empresas e estados máis poderosos. Deste xeito o capitalismo (a burguesía) obtén maiores beneficios nun mercado universal, con menores controis dos estados (e dos pobos), e cunha man de obra de reserva universal competindo entre si. Neste escenario só as potencias imperialistas teñen capacidade para impoñer condicións ás corporacións, co fin de preservar os intereses estratéxicos comúns do capital “nacional”. 

En resumo, na Arxentina vólvese reflectir que é imposíbel avanzar na redistribución do traballo e da riqueza producida sen rachar co capitalismo. Cómpre a nacionalización dos sectores estratéxicos, encetando pola banca, a enerxía e as comunicacións, o apoio á economía social e dos autónomos e a pequena empresa. Tamén pon en primeiro plano o tema da distribución dos produtos de primeira necesidade, do comercio exterior, da Bolsa, da flutuación da moeda, dos centros de especulación dominados pola gran capital, e do papel dos medios de información privados, da seguridade e da corrupción. 

http://manuelmera.blogaliza.org/