Opinión

As fortalezas do nacionalismo popular

As vindeiras eleccións municipais deberían ser vistas con máis optimismo polo BNG que as autonómicas e europeas, xa que a xestión que realiza en varios concellos do país é un destacábel exemplo. Isto é algo recoñecido nas conversas de rúa mesmo por simpatizantes das opcións máis adversas ao nacionalismo. Tamén é boa noutros concellos onde goberna, e asemade salienta alí onde exerce como oposición.

As vindeiras eleccións municipais deberían ser vistas con máis optimismo polo BNG que as autonómicas e europeas, xa que a xestión que realiza en varios concellos do país é un destacábel exemplo. Isto é algo recoñecido nas conversas de rúa mesmo por simpatizantes das opcións máis adversas ao nacionalismo. Tamén é boa noutros concellos onde goberna, e asemade salienta alí onde exerce como oposición. Sobre este activo, e o de ser a forza política con máis presenza na conflitividade social reivindicativa, debería traballar a fronte patriótica como un dos eixos de campaña. O outro, máis estratéxico, é a conquista dun cambio sistémico que se constrúa sobre tres piares esenciais: a xustiza social, a democracia popular e a soberanía nacional. Sen dúbida a xestión municipal realizada polo BNG é mellorábel (e cómpre facelo!), máis nuns concellos que noutros. Agora ben, non hai ningunha outra forza política antisistémica na Galiza, nen de ámbito estatal (penso concretamente en IU), que poda ofrecer unha práctica contrastábel comparábel. 

"O resultado das eleccións municipais vai depender: do traballo feito nos últimos anos, do programa que se ofreza, das persoas que se presenten como referente, e do enfoque da campaña a nivel nacional".

Resulta evidente que ademais o resultado das eleccións municipais vai depender: do traballo feito nos últimos anos, do programa que se ofreza, das persoas que se presenten como referente, e do enfoque da campaña a nivel nacional. Polo tanto é necesario preparar unha pre-campaña moi alongada no tempo para poder socializar o traballo realizado, as propostas e os candidatos/as, tendo en consideración que non se vai contar cos recursos e medios de información de masas cos que suplir este esforzo militante. 

Ademais, neste contexto, de duro e continuo axuste social e crise de alternativas no imaxinario colectivo (alentado polos medios do sistema, como amosou o último proceso electoral), ten relevancia, para alén do traballo político local, a mensaxe nacional (ou estatal) de cada forza política. Xa que aquelas organizacións que non sexan vistas polas clases populares como opcións capaces de liderar un cambio sistémico (superador da corrupción, do desemprego, da precariedade, da privatización das prestacións, etc), aínda que ofrezan boa xestión e un programa moi completo e ligado ás necesidades do pobo, perderán atractivo. E neste aspecto, coido que as sucesivas rectificacións a unha e outra banda da liña política, a continuada proposta á unidade pola cima con outras forzas alternativas do nacionalismo, os chamados xenéricos á mocidade e a activistas non organizados, son albiscados máis como unha evidencia da debilidade que de confianza no proxecto, ou de sabia rectificación. Ou sexa: reflicten as dúbidas da dirección sobre a propia capacidade para acadar o apoio das clases populares. 

 "Cando se fan propostas ambiguas é, ou ben porque se carece de militancia ligada á conflitividade social, ou porque a dirección perdeu en parte o contacto coa súa base organizada ou a confianza nela"

Se a unha folla de ruta que para moitos/as simpatizantes semella carente de atractivos engadimos a pouca capacidade para comunicar ideas e emocións, por algúns dos máximos referentes, o que debería ser unha contribución á difusión do proxecto para favorecer o traballo militante nas bisbarras, no social e institucional, convértese na práctica nun factor de resta. E isto é valido para calquera organización, por máis de esquerda e nacionalista que sexa, por máis numerosa e activa que sexa a súa militancia e longa a súa historia, e por moi ligada que estea á conflitividade. Tampouco é doado de entender que unha organización cunha militancia moi presente nas empresas, no ámbito local, no rural e na cultura, teña que procurar no exterior ideas sobre como responder ao momento (e que non sexa quen de valorar por si mesma en cada momento o estado de ánimo da xente). Sen dúbida sempre é positivo realizar actos de difusión do proxecto, con propostas concretas, con simpatizantes e todos/as aqueles que desexen acudir, e que se escoite con atención as súas opinións e se lles ligue para un papel máis activo. Porén, cando se fan propostas ambiguas é, ou ben porque se carece de militancia ligada á conflitividade social, ou porque a dirección perdeu en parte o contacto coa súa base organizada ou a confianza nela, e procura recuperar activistas con criterios que non impliquen unha participación real nas decisións. Resulta evidente que se non fose así a resposta sería sinxela: escoitar, rectificar e organizar mellor a militancia, para que esta se fortaleza e alargue. Isto significa o recoñecemento de que algúns erros poden estar na cabeza da organización. 

En relación con estes aspectos, coido que a intervención do portavoz da fronte nun programa de V Televisión non foi acertada. Alentou a idea de que o BNG está en horas baixas, dado que necesita sumar novas forzas externas para se revitalizar. Supoño que se refire a aquelas que se escindiron ou outras novas. A única condición sería a de ser nacionalistas, e mesmo estaríase dispostos a poñer a debate o nome da fronte con esta finalidade (este tema non está aínda decidido, segundo aclarou). Esta idea da recuperación da unidade repetiuna unha e outra vez dende que asumiu o cargo, malia que os intentos de establecer acordos con Anova e Compromiso fracasaron ate hoxe. Foi positivo procurar presentar unha candidatura de todo o nacionalismo para as europeas, así como para conseguir unha plataforma reivindicativa común na cuestión nacional e nos temas sociais. Mais a reiteración unha e outra vez da oferta de unidade reflicte debilidade, xa que se dá no marco dun longo recuar electoral da fronte. O máis grave é que dá como evidente que Amio foi un paso atrás, non só no aspecto organizativo, que era previsíbel, senón no acerto das decisións tomadas democraticamente pola militancia. Aceptar a hipótese de mudar o nome significaría na práctica refundar a organización. Sobre que alicerces e propostas? Cando decidiu isto a militancia?... Son palabras maiores.

"A reiteración unha e outra vez da oferta de unidade reflicte debilidade, xa que se dá no marco dun longo recuar electoral da fronte"

Non se pode espallar tanta incerteza sobre o futuro do BNG, por parte do máximo referente, e  esperar bos resultados electorais e o medre da militancia!!! Tampouco se pode entender que, tendo unha importancia fundamental as reivindicacións de clase, logo, nas propostas de acordos estratéxicos con outras forzas, nen sequera se faga mención a elas. O debate de Amio foi clarificador neste aspecto así como a respeito das rectificacións necesarias, e non se debería esquecer. Por outra banda, resúltame difícil de entender porque a fronte non aproveita mellor a outros dirixentes da executiva, nas institucións, e nas comarcas, que teñen probada capacidade política, e demostradas cualidades para o debate e para a comunicación do proxecto. Isto non é algo secundario porque se trata de transmitir ilusión, fortaleza e atrevemento, e para iso é fundamental a historia persoal, a construción da mensaxe e mesmo a expresión corporal (nesta etapa tan visual). Isto é básico, especialmente cando se carece de alguén que reúna todos estes atributos (algo que non é doado, tivéronos poucas figuras na historia). Cómpre sempre socializar ao máximo a representación das organizacións, xa que isto permite chegar por medio de varias referencias complementarias ao conxunto das clases populares con eficacia. Algo importante tendo en consideración a súa fragmentación actual. Asemade, non se pode ignorar que o celeiro do BNG está na clase obreira, que ademais é esencial para a liberación, polo que é fundamental contar con referentes na dirección que conecten e sexan vistos como parte dela. 

Unha consideración máis. Os métodos de traballo de Podemos, que algúns queren agora arremedar acriticamente, son os dunha forza política xurdida coa participación dalgúns dos medios de masas hexemónicos, sen unha estrutura organizada e homoxénea (polo de agora). Polo tanto non poden ser os métodos dunha fronte cunha militancia moi ligada aos conflitos sociais e forte implantación institucional local, cunha longa historia de oposición frontal ás clases dominantes a todos os niveis. Sería dar pasos atrás. Segundo un estudo postelectoral, realizado por Sigma Dos, o celeiro de votos de Podemos foi o seguinte: 394.000 do PSOE, 236.000 da abstención, 226.000 de IU, 150.000 do PP, 116.000 doutros partidos e en branco, 76.000 da UPyD,  e 48.000 de novos electores. Segundo esta mesmo estudo, Europa dos Pobos (Bildu+BNG) perdeu 22.000 a prol de IU e 199.000 na abstención. Outro dado é que Podemos recolleu a maioría dos seus votos entre a poboación activa. 

 "O BNG non perdeu votos cara Podemos, si a favor de IU-Anova, mais a maioría foron para a abstención".

Polo tanto todo indica que o BNG non perdeu votos cara Podemos, si a favor de IU-Anova, mais a maioría foron para a abstención. Ou sexa, o problema do BNG, a diferenza de IU (e Anova), non é Podemos, senón que unha parte do seu electorado non se sinte ilusionada, esta á espera de que a fronte se aclare (ou o ilusione) para tomar unha postura definitiva. En relación a quen vota ao BNG, a última enquisa do CIS indica que nas eleccións xerais de 2011, cunha intención de voto de 0,7% con relación aos votantes de todo o Estado, acadou o 1,8% na franxa dos operarios/as cualificados (estes representan o 75% do total da clase obreira), o 1,2% entre os profesionais, o 1,1% entre os persoal administrativo e de servizos, e o 0,8% entre os desempregados. En resumo que o traballo no ámbito sindical dá resultado. 

O nacionalismo popular é unha forza con cincuenta anos de historia, que bebeu do galeguismo-nacionalismo histórico, tanto daquel que reaxe contra a colonización pola Corte na insurrección de 1846, como do que obtén os primeiros éxitos electorais e madurez política co Partido Galeguista, como tamén do arredismo nacido alén mar na emigración galega na Arxentina e Cuba. Asemade é herdeiro da loita das clases populares en todo o mundo, especialmente da emerxente clase obreira, e dos movementos de liberación nacional e social. Non se podería entender a historia moderna da Galiza sen a presenza do movemento nacional popular, que recolle ambas experiencias. E sabendo que aínda o conxunto das clases populares non asumen a conquista da soberanía, o certo é tamén rexeitan o muro que as clases dominantes (o españolismo) queren construír contra o nacionalismo popular, tal como se amosa na fortaleza que ten o nacionalismo no movemento social, e moi especialmente nas loitas reivindicativas. O institucional non é o único espello da sociedade.

"Para liberar a Galiza cómpre sobre todo crer nas propias forzas e na capacidade das clases populares para forzar o cambio".

Para liberar a Galiza cómpre sobre todo crer nas propias forzas e na capacidade das clases populares para forzar o cambio. Un pobo como o noso que leva anos padecendo a colonización, porén que é quen de manter viva a lingua e identidade con todo en contra, de se mobilizar por centos de milleiros en Nunca Máis, de reaxer na loita contra as preferentes, de realizar centos de mobilizacións laborais cada mes e folgas xerais masivas, de destacar na loita agraria, veciñal e estudantil, non é un pobo submiso co sistema ou que renegue das súas raíces. Unha nación na que estes días milleiros se mobilizan contra a represión sindical, pedindo a liberación de Serafín e Carlos, que apoian a loita laboral de Urbaser e a folga de fame en Citroën, que amosan a súa solidariedade con Palestina, as repúblicas populares de Ucraína e Venezuela, reflicte unha sociedade con amplos sectores moi avanzados e combativos. 

"A análise autocrítica e as rectificacións sempre son necesarias, para aprender do pasado e enfrontar mellor os atrancos e eivas no futuro, mais os cambios non poden ser copias de proxectos alleos"

O BNG estivo na primeira liña apoiando ou dirixindo estas loitas, a súa militancia está presente alí onde hai unha reivindicación xusta, e os cargos nas institucións son a representación máis avanzada no social, democrático e nacional. Sen dúbida cometéronse erros no bipartito, nas institucións e nos conflitos sociais, porén en ningún caso por traizón aos ideais e ao pobo. Tampouco se pode esquecer que se desenvolveron proxectos que significaron un gran avance que, non casualmente, o PP (a dereita españolista) unha vez no goberno foi o primeiro que eliminou, por razóns puramente ideolóxicas. Seguramente faltou unha maior participación da militancia, dos simpatizantes, máis socialización, explicar os límites das reformas se non se mudaba a correlación de forzas. Era necesaria máis formación e mellor planificación e organización. Se cadra faltou ligar mellor o momento actual co proxecto estratéxico, definir con claridade e socializar interna e externamente os obxectivos e a folla de ruta. Agora ben, foi unha experiencia necesaria para comprobar que era imposíbel acadar pola vía da reforma as competencias e transformacións necesarias para defender identidade, desenvolver o país, e redistribuír o traballo e a riqueza. Era unha experiencia que a complexidade dunha fronte só podía saldar na práctica, non abondaba co debate teórico ou experiencias externas.

A análise autocrítica e as rectificacións sempre son necesarias, para aprender do pasado e enfrontar mellor os atrancos e eivas no futuro, mais os cambios non poden ser copias de proxectos alleos, máxime se estes carecen de práctica abondo. As rectificacións deben ser resultado do debate sobre a nosa realidade e da experiencia do nacionalismo galego organizado e, en segundo lugar, doutros proxectos semellantes no mundo. Os cambios nos métodos de traballo, organizativos e na folla de ruta son efectivos se ilusionan a militancia e os simpatizantes, contan coa súa participación, e procuran a complicidade do pobo para un proxecto liberador no nacional e no social. Non se trata de se adaptar á realidade senón de transformala. Para a revolución non hai atallos; cómpren políticas correctas, traballo a esgalla, activistas entregados/as e ligadas/os ao pobo, e dirixentes capaces,... e que valoren axeitadamente as súas capacidades e os seus límites, persoais e políticos, ou sexa: que non esquezan que este é un proxecto colectivo.      

http://manuelmera.blogaliza.org/