Opinión

A lacra da corrupción como escusa reaccionaria

Non hai mes que non se descubra un novo caso de corrupción que, normalmente, abrangue a unha morea de cargos públicos e empresarios, polo que é razoábel que sexa un dos principais problemas de preocupación da poboación. 

Non hai mes que non se descubra un novo caso de corrupción que, normalmente, abrangue a unha morea de cargos públicos e empresarios, polo que é razoábel que sexa un dos principais problemas de preocupación da poboación. Agora ben, malia que esta lacra aséntase sobre dúas pernas, empresarios e cargos públicos, os medios poñen o acento especialmente sobre os últimos, dando folgos a unha sensación de indefensión, de que todos/as son iguais, como se pretendesen xerar un ambiente propicio á abstención e a solucións antipartidistas ou, no seu defecto, para que se manteñan no poder as forzas sistémicas, co argumento de que non existen alternativas. Mais, son precisamente os partidos neoliberais (PP e PSOE) os que están metidos ate a gorxa nos moitos casos de corrupción abertos, ben por practicala ou por non evitala nas áreas que xestionan. Pola contra, nos partidos que cuestionan o sistema, ben sexa loitando contra a dependencia nacional e/ou a explotación laboral, as persoas que son investigadas, están imputadas ou acusadas en casos de corrupción son unha excepción. Non é unha casualidade.

"Son precisamente os partidos neoliberais (PP e PSOE) os que están metidos ate a gorxa nos moitos casos de corrupción abertos"

Sempre pensei que ningunha organización está exenta de que no seu seo existan persoas corruptas e mesmo que abusen do cargo para calquera tipo de delito, dende o económico, laboral, de xénero ou sexual, máxime cando existe unha relación directa cos cartos e o poder. Por iso é fundamental a fortaleza ideolóxica, facendo da xustiza social e da solidariedade os alicerces da actividade política, sindical e social, mais tamén (e neste aspecto ten razón o fiscal superior de Galiza) cómpre contar con mecanismos eficaces de control internos, porque as organizacións son proxectos colectivos. Resulta evidente que non é o mesmo que a corrupción sexa unha excepción ou que sexa algo que acontece acotío, que se considere como algo intolerábel ou que se valore como normal se non chega a un determinado grao ou non ten repercusión social. Neste aspecto coido que é exemplarizante que o BNG opte por afastar de calquera cargo os militantes que esteán imputados, mesmo sabendo que ao final do proceso poden saír libres de calquera acusación, xa que isto amosa unha actitude firme de combate á corrupción. E no seu caso ten un valor real, porque é unha decisión que se toma dende unha organización con responsabilidades de goberno en moitos concellos, non é o discurso fácil dende a oposición. 

Agora ben, sendo o anterior certo, coido que ademais é digno de mención que, na pasada semana, a fronte nacionalista axese co atrevemento necesario en relación a este tema tan grave. A resposta de Miguel Fernández Lores fronte ás preguntas dos xornalistas en relación á operación “Patos” foi, ademais de correcta, politicamente moi acertada, propia de quen ten as cousas claras e se sinte seguro do proxecto político que representa e da súa práctica. Afirmou o alcalde de Pontevedra, e así o salientaron os medios, que estaba satisfeito coa investigación “porque levo tempo denunciando que o actual sistema é cruel cos cidadáns e corrupto en moitísimas instancias, de arriba ate abaixo”. Lores foi de cara, á gorxa, sen rodeos e ningunha dúbida, que é o que espera a maioría da xente dun dirixente político. Tamén é moi acertada a reflexión que fixo Francisco Jorquera días atrás, cando dixo que era o momento de pensar no retorno á xestión pública das empresas privatizadas, para lle quitar base de sustentación á corrupción. Deste xeito, o deputado do BNG ligaba o medre das actividades delituosas co sistema económico e social imperante, e co modelo de sociedade que defende cada partido, algo que non casualmente evitan valorar os medios de información, o poder xudicial e a inmensa maioría dos analistas.

"A resposta de Miguel Fernández Lores fronte ás preguntas dos xornalistas en relación á operación “Patos” foi, ademais de correcta, politicamente moi acertada"

Non se pode obviar que o capitalismo sacraliza o lucro e considera triunfadoras aquelas persoas que acumulan riqueza e poder, refugando da solidariedade e da xustiza social, que se substitúe pola esmola do poderoso e das entidades caritativas procurando a submisión agradecida do oprimido, do explotado e do marxinado. Iso é o que divulgan os medios, a cultura de masas hexemónica, e por suposto o que se predica nos centros de estudo superiores co argumento da competitividade. Que os directivos das grandes empresas pasen a ocupar importantes cargos políticos é cada vez máis normal e tamén ao envés. A corrupción, a fraude sistémica e o trato desigual, aliméntanse nesta complicidade entre as institucións do sistema e as corporacións empresariais, ou sexa:  é consubstancial ao capitalismo. 

Chama a atención que se poñan os focos exclusivamente na corrupción política, cando é imposíbel sen a participación empresarial, e que non se lle dea a mesma atención á existente  noutros estamentos públicos, como o xudicial, altos cargos da administración e as forzas de seguridade. Asemade, óbviase que é moito máis grave, polas inmensas repercusións sociais, a fraude impositiva, a das preferentes e das cláusulas chan nos créditos, o trato de favor aos bancos e empresas, os salarios abusivos dos altos directivos das corporacións, e por suposto a especulación financeira, as burbullas, e as actividades económicas delituosas (proxenetismo, droga, tráfico migratorio, etc.). Ás veces parece que se quere tapar coa corrupción dos partidos sistémicos as graves medidas económicas e sociais contra as clases populares. Como se se pretendese desviar a atención, para que as clases dominantes se agochen máis unha vez na comodidade dos seus despachos e na intimidade das súas mansións a contar os cartos e manexar os fíos dende a sombra, e se esquecera que eles causaron a crise, se socializaron as súas perdas, a un custe tremendo para a maioría social. 

"Ás veces parece que se quere tapar coa corrupción dos partidos sistémicos as graves medidas económicas e sociais contra as clases populares".

En principio son positivas as causas abertas contra a corrupción, porque ademais de castigar aos culpábeis son un antídoto para evitar que se repita. Porén, en certos procesos hai moito de espectáculo nas accións xudiciais, requísanse documentos en lugar de solicitalos, mesmo sabendo que hai casos nos que é difícil a ocultación, modificación ou eliminación (como nos organismos públicos). As investigacións fíltranse aos medios estando baixo segredo sumarial. Non se deixan copias autentificadas dos orixinais requisados, mesmo de obras en execución. Non parecen métodos axeitados, máxime cando despois se axe con tantos miramentos e comprensión cando se trata dos altos executivos das corporacións e os cargos na cúpula das institucións. Cantos  investidores e directivos de corporacións son condenados ou están en prisión despois de defraudar millóns de euros en impostos, aos aforradores, ou das achegas públicas?  En troques condénase a dous obreiros coa pena máxima, a tres anos de prisión, por estaren nun piquete informativo durante unha folga. Sen dúbida falamos do mesmo Poder Xudicial, aínda que non dos mesmos xuíces/zas.

Tendo en consideración o anterior, as respostas e reflexións de Fernández Lores e Jorquera teñen maior valor porque, dende a firmeza do combate á corrupción, colocan a problemática no contexto económico, social e político no que se debe analizar para lle dar unha contestación efectiva. É evidente que a xestión privatizada dos servizos públicos deu folgos á corrupción, polo que significa de lucro garantido aos empresarios, sen as incertezas do mercado. Polo que, a recuperación da xestión pública de todos os servizos que propón o deputado do BNG parece o máis razoábel. O propio Tribunal de Contas do Estado español nun relatorio referente aos servizos de limpeza e recollida de lixo, no ano 2011, destaca que a xestión privada é máis cara. Tampouco é casual que nos partidos sistémicos aniñe a corrupción, xa que existe unha ligazón ideolóxica e persoal coas grandes empresas, das que moitos foron ou serán directivos ou asesores, sendo a actividade política unha situación transitoria ou complementaria. Mais, vendo para onde se dirixen os focos de xuíces/zas, e onde poñen o acento os medios de comunicación, semella que se quere retorcer a realidade sementando a idea de que no público fica a ineficacia e a corrupción, dando cobertura e alento ao proceso privatizador, ampliando as áreas abertas ao lucro e á especulación. Non é unha hipótese carente de sentido, porque é o que está a facer o PP alí onde pode, como na sanidade e no ensino, a fin de reducir a xustiza social e solidariedade á mínima expresión, co falso argumento de que isto permite rebaixar impostos e ser máis competitivos, xerando emprego e riqueza. 

"Pretenderase que o poder xudicial tutele os demais poderes que son elixidos por vontade popular, para deste xeito conformar elites profesionais que só rendan contas ás clases dominantes"

Asemade, ollando a aplicación da xustiza no seu conxunto, non se poden evitar novas preguntas. Por exemplo ¿Pretenderase que o poder xudicial tutele os demais poderes que son elixidos por vontade popular, para deste xeito conformar elites profesionais que só rendan contas ás clases dominantes, como xa fan o BCE, a Comisión Europea, etc.? Ou, sinxelamente ¿evítase confrontar co poder real, ou sexa, cos directivos das corporacións e das grandes fortunas? En fin, é necesario e positivo que se persiga a corrupción, mais con iso non abonda, cómpre que se realice en todos os casos coa mesma dilixencia, firmeza e teimosía. Neste momento todo fai pensar que na loita contra a corrupción existe unha dobre vara de medir e tamén moito de escenificación, coa colaboración dos medios, dirixida a conformar criterios sociais e políticos escasamente democráticos.

Por último, un comentario que coido necesario, para aqueles que ás veces non queren distinguir o principal do secundario, o superficial do profundo, o particular do xeral, e o táctico do estratéxico. Neste artigo non estou a falar dunha conspiración que abranga a todas as estruturas do poder, xa que as decisións tómanse de maneira xerárquica e poucas veces se socializan como tais. Polo que a súa aplicación non está exenta de contradicións (non é unha liña recta), mais calquera pode ollar cal é a tendencia dominante, e a que clases e territorios favorece e a cales prexudica. E isto é o fundamental: non casualmente responde ao proceso de centralización e concentración no que ficamos inmersos. Na lóxica neoliberal, dunha interpretación e divulgación torcida da lacra da corrupción, participan como colectivo todas as estruturas do poder (incluídos os medios de comunicación), e ademais contan coa complicidade activa ou pasiva dunha parte significativa da sociedade, ben sexa por razóns económicas ou ideolóxicas, ou de ambas. Daquela, non se trata só de ollar a que partidos atinxen especialmente os casos xudiciais abertos, senón tamén aqueles que se ignoran, a quen se imputa e condena, e ademais, onde se colocan os focos e con que obxectivos. Neste escenario, ateigado de vítimas dos axustes, sacrificar parte da equipa (a menos necesaria ou a máis desprestixiada) pode ser a mellor aposta para as clases dominantes, máxime se o resultado final permite maiores taxas de riqueza e de poder. Hai centos de exemplos deste xeito de axer na historia, mesmo na máis recente e próxima.

http://manuelmera.blogaliza.org/