Opinión

Reforma do Parlamento, antidemocrática e centralista

A decisión do Presidente da Xunta de diminuír a toda costa o número de deputados/as do Parlamento galego, co argumento de aforrar algúns millóns de euros, define con claridade que, para el, esta institución carece de valor, para alén do carácter instrumental para elixir o Goberno galego. O leitor dirá que esta é unha afirmación moi grave. Mais, non hai dúbidas que é así, cando se lle dá máis valor a uns poucos millóns de euros ao ano, que a garantir a máxima pluralidade na  institución representativa da vontade popular na nosa nación. Que outra conclusión se pode tirar? 

A decisión do Presidente da Xunta de diminuír a toda costa o número de deputados/as do Parlamento galego, co argumento de aforrar algúns millóns de euros, define con claridade que, para el, esta institución carece de valor, para alén do carácter instrumental para elixir o Goberno galego. O leitor dirá que esta é unha afirmación moi grave. Mais, non hai dúbidas que é así, cando se lle dá máis valor a uns poucos millóns de euros ao ano, que a garantir a máxima pluralidade na  institución representativa da vontade popular na nosa nación. Que outra conclusión se pode tirar? 

Ocórrenseme dúas razóns para tomar neste intre esta decisión, tendo en consideración o partido que propón a diminución do número de parlamentarios/as. A primeira, que se queira restar protagonismo social e político ás institucións propias de Galiza, en coincidencia coa progresiva recentralización de competencias transferidas e a desprotección da lingua e cultura nacionais galegas. A segunda, que se procure con esta reforma diminuír os efectos do desgaste do PP pola regresiva política desenvolvida durante estes anos. Aproveitaría ao seu favor o diferente valor do voto entre as provincias galegas e a rectificación que fai a Lei de Hondt dos resultados eleitorais, privilexiando os partidos máis votados. 

"Outro argumento, reaccionario, para diminuír o número de deputados/as, o de pensar que non fan ningunha contribución ao desenvolvemento e defensa dos intereses de Galiza".

Habería que valorar outro argumento, reaccionario, para diminuír o número de deputados/as, o de pensar que non fan ningunha contribución ao desenvolvemento e defensa dos intereses de Galiza. Claro que, nesta vía de pensamento, poderíase dicir outro tanto de todas as demais institucións e do propio Goberno galego. Abondaría polo tanto con administradores ao servizo das clases dominantes e designados por elas directamente. En fin, sería unha visión tan retrograda e antidemocrática, que prefiro pensar que non se lles pasou pola cabeza aos dirixentes do PP galego (aínda que peque de inocente neste caso, tendo en consideración os antecedentes).

Que non se trata dunha cuestión de aforro resulta evidente, xa que se ese fose o motivo era máis razoábel asumir a proposta do BNG: manter o número actual de representantes, reducindo as retribucións. Mais esta opción nen sequera foi considerada por Núñez Feijóo, reflectindo que a decisión non se sustenta en motivos económicos. Asemade, non se pode ignorar que nas delegacións internacionais da CEG, a Xunta gasta 16 millóns de euros ao ano, malia que se recoñeza que non están a cumprir o seu obxectivo. Tamén sería mais lóxico que a Xunta reducise o gasto en publicidade, que no ano 2012 tivo un custe de 40 millóns de euros, antes que nunha institución que representa a vontade popular (mesmo que moitas veces non sexa así). Poderíanse dar moitos outros exemplos de gastos menos necesarios que os do Parlamento galego, e algúns deles  moi cuestionábeis. 

"Débense facer cambios coa intención de converter o Parlamento Galego nunha fotografía da realidade social do país e para representar fielmente a vontade popular".

O Presidente da Xunta afirma con chulería, que este recorte de deputados/as foi referendado pola maioría dos eleitores nas pasadas eleicións autonómicas. En realidade non foi exactamente así. O seu partido acadou o 45,72% dos votos cunha abstención do 36,2%, ou sexa que só obtivo o apoio do 28,4% das persoas con dereito a voto (excluíndo os electores/as do exterior). Polo tanto, o PP non ten detrás a maioría da sociedade. Necesita o consenso doutras forzas políticas ou, en todo caso, realizar un referendo, cando se trata de reformas que afectan ás regras de xogo políticas ou aos dereitos básicos da poboación. Porén, non está disposto a percorrer ningunha destas vías, amosando un carácter autoritario, reducindo a democracia a votar cada catro anos.

Sen dúbida é necesario e urxente unha reforma do sistema eleitoral galego, como da ordenación do territorio, por poñer dous exemplos. No primeiro caso débense facer cambios coa intención de converter o Parlamento Galego nunha fotografía da realidade social do país e para representar fielmente a vontade popular. O sistema actual favorece os partidos máis votados, e prima os eleitores das provincias Lugo e Ourense sobre os da Coruña e Pontevedra. Non todos os galegos e galegas valen igual no momento de votar. Mais esta distinta vara de medir non lle axudou ás provincias do interior, como se constata no recuar demográfico por mor do baixo grao de desenvolvemento. Este sistema eleitoral discriminatorio segundo o lugar de residencia só beneficiou ao Partido Popular que obtén máis deputados/as con menos votos.

"Respectando o voto da xente, sen mecanismos que torzan a vontade popular, mudaría moito a composición do Parlamento galego. O Partido Popular tería perdido no ano 2012 a maioría absoluta".

Para alén dos factores económicos e o papel dos medios, que teñen súa incidencia na inclinación dos votantes, a aplicación da Lei de Hondt para a distribución de representantes e o distinto valor do voto por provincias contribúen tamén o seu a torcer a vontade da xente, eivando a democracia no eido institucional. Temos como exemplo as autonómicas de 2012, das que saíu a seguinte distribución de representantes: 41 deputados/as para o PP; 18 para o PSOE, 9 para AGE e 7 para o BNG. Se Galiza fose circunscrición única, cun reparto proporcional e non existise o límite do 5%, os resultados serían outros: 36 o PP, 16 PSOE, 11 AGE e 8 o BNG. E os catro restantes serían para os outros partidos que obtiveron máis do 1% de votos: UPyD, EB, SCD e CxG. 

Respectando o voto da xente, sen mecanismos que torzan a vontade popular, mudaría moito a composición do Parlamento galego. O Partido Popular tería perdido no ano 2012 a maioría absoluta. O resto dos partidos con representación sumarían o 49,46% dos votos fronte ao 45,72% do PP. Feijóo veríase obrigado a pactar con outras forzas no Parlamento, e podería empregar o argumento da maioría se convoca un referendo en certos temas, e obtén o respaldo dos/as votantes. Porén, non chegaría con este avance, xa que ademais é fundamental para democratizar os procesos eleitorais: garantir a imparcialidade dos medios de comunicación, así como eliminar as contribucións empresariais e limitar a contía das persoais que se fagan aos partidos e fundacións relacionadas cos mesmos.  

A reforma que propón Núñez Feijóo muda as regras de xogo político, polo que, aínda contando con todos os votos do Partido Popular, carece do consenso necesario, e por suposto de calquera lexitimidade democrática, mesmo cun Parlamento como o actual que non representa fielmente ao eleitorado. Ou sexa é unha reforma que ten en contra a todos os demais partidos presentes na Cámara, carece do apoio da maioría dos votantes, e moito menos dos que teñen dereito a voto. De seguir adiante con esta proposta, afondaría o afastamento entre as institucións e o pobo. Demostraría máis unha vez que isto non é unha democracia real, só un mal simulacro, porque as cartas están marcadas antes de encetar o xogo... O que cómpre é abrir as portas ao pobo de par en par e non pechalas!  

http://manuelmera.blogaliza.org/