Opinión

A oportunidade que aínda ten Galiza

Os avances científicos provocan crises políticas e tamén inquedanza. Ante un futuro incerto resulta lóxico que nos volvamos preguntar quen somos e que nos agarremos máis ao pasado (ou ao que nos gustaría que tivese sido o noso pasado). Identidade e tradición volven ser trending topic. A música con raíz, o cine rural e os ensaios sobre o medievo están en auxe. Eva Moreda escribe sobre a vida no Reino Unido (Pagáns e pragmáticos, Morgante) e dinos que os británicos danlle moita importancia as tradicións, porque saben que duran pouco. Foron os que primeiro sufriron a destrución do seu mundo, hai douscentos anos, coa revolución industrial.

Ademais do de Moreda, lin outros libros este verán e parecéronme capítulos diferentes dunha mesma reflexión. Manuel Gago descúbrenos a memoria das pantasmas que habitaron os pazos de Compostela (O sangue das pantasmas. Couceiro-Festival Atlántica). Dálle así a volta á idea de que fantasiar cos mortos é exclusiva dos campesiños. E dinos algo interesante: en Escocia e en Irlanda hai moitos escenarios con pantasma. Son coñecidos e anunciados e serven de temática recorrente ao cine, pero a tradición, a vivencia popular, foi arrasada. Coincide niso con Moreda.

Galiza é aínda, en parte, distinta. Os cambios son profundos pero recentes, de modo que temos avós ou bisavós que aínda pertenceron a ese pasado, perdido noutros lugares. Por iso, desde fóra, se sorprenden da nosa rica tradición musical aínda viva ou das nosas historias autóctonas, tan cinematográficas e variadas.

Velaí que a nosa distancia do centro do sistema, o noso mundo rural disperso, e maioritario até hai cincuenta anos, coa súa propia fibra cultural, poida ser agora a nosa vantaxe. Tal vez teñamos a oportunidade de non destruílo todo e de enlazar as dúas grandes ideas: tradición e modernidade, de modo que a primeira poida inspirar e alimentar a segunda, para que así poidamos responder, quizais mellor ca outros, á pregunta de quen somos. A tradición só ten sentido se nos orienta, como un faro, en dirección ao futuro.

No terceiro libro que mencionarei hoxe, Fran Ferreiro Chao-Abella (País estático, tempos salvaxes, Morgante) di que "o Arde Lvcus leva dúas décadas e xa é tradicional". Ten razón, pero é "tradicional" porque a poboación o asumiu. Outro tanto, aínda máis claro, se pode dicir do himno do Celta, creado por C. Tangana. Trinta mil persoas cántano, cada partido, con devoción, coma se tivese os mesmos anos que o club, ou sexa cen, pero só ten uns meses.

Estes dous últimos exemplos vólvennos a Moreda e ao costume británico de ritualizalo todo, porque nos queda pouco. Temos que aprender a valorar cada cousa antes de que desapareza e antes de que haxa que inventar algunha nova tradición, igual que no seu día "descubrimos" a tumba do Apóstolo.

Fran Ferreiro retrata esa Galiza moderna e antiga entrecruzadas, esas estradas secundarias onde se matan os mozos, eses puticlús abandonados, ou non tan abandonados, en tempos da crítica de xénero.

Comentarios