Opinión

Porque fomos

Somos porque fomos. Con esta frase fechaba a súa intervención Lois Diéguez na presentación do monográfico Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) no Festigal deste 2024. Acompañado de Francisco Rodríguez, autor da “Presentación” e presidente da Fundación Terra e Tempo, lembrou para nós aqueles anos de loita, chegando emocionarnos cando fixo referencia á soidade en que emprenderon tantísimo traballo. Porque tiveron que volver erguer a casa nacionalista sen contar cos devanceiros que os guiasen, exiliados ou asasinados como foran polo réxime.

Da necesidade de manter acesa a memoria de como chegamos até este presente fala Rodríguez na “Presentación”, porque saber de onde vimos, termos coñecemento dos esforzos do pasado axudará a fortalecer a conciencia sobre a realidade galega actual. Poñamos por caso, lembrarmos que fomos as e os nacionalistas quen paramos a central nuclear de Xove e as celulosas previstas para Ourense, O Barco, Laxe, Cabanas, Coristanco, Malpica, Ponteceso, Quiroga, Noia e Dodro. Fomos nós, as que seguimos a loitar hoxe contra Altri e contra a mina de Touro.

Na presentación interviñeron tamén outros coautores do monográfico como Alfredo Suárez Canal ou Pilar Allegue, unha das catro concelleiras que acadou representación naquelas eleccións de 1979 coas candidaturas do BN-PG. Á loita das mulleres, precisamente, dedica unha parte da súa achega Mª do Carme García Negro. Nela explícanos como a loita contra a opresión das mulleres galegas centrou o debate da IV Asemblea da AN-PG en 1979, reproducindo o apéndice II do Plenario en que podemos ler análises necesarias e de plena actualidade.

Desde aquí quero agradecer o traballo feito por esa xeración que nos precedeu e deixou andados para nós estes camiños. Afortunadamente nós témolos a eles e a elas. Lendo este monográfico, sentinme parte daquela loita, aínda que só era unha adolescente e as “grilleras” nos impedían saír do instituto para nos unir á loita contra a subida do prezo do bus (Vitrasa).

Comentarios