Opinión

Rimland

Desenvolviamos moi resumidamente en abril a teoría xeopolítica do “Heartland” ou do “corazón continental”, concibida a comezos do século XX polo xeógrafo británico John Mackinder. Non podería entenderse sen complementala comprendendo ben o significado do “Rimland” ou “anel continental”, concepto defendido por Nicholas J. Spykman (profesor de RRII da Universidade de Yale) para visualizar aqueles territorios en disputa que son chave no perenne xogo de poder mundial. O “imperio marítimo” anglosaxón-norteamericano, para manter a lonxeva e agora cuestionada hexemonía a través da vasalaxe dos seus “aliados” (OTAN e derivados), “debera” pois acosar ás “potencias terrestres” predominantes do heartland (Rusia e China) ao longo de toda a franxa densamente poboada, e de inmensa importancia, que bordea o continente euro-asiático. Nace así a “política da contención” ou “Estratexia Lumbrigante” da que falamos tamén nestas liñas con anterioridade: enténdese neste marco o proxecto colonial de Israel, a destrución total de Libia, a destrución de Siria co intento de derrocamento do goberno de Bashar al-Ássad e a ocupación falida afgano-iraquí como xeito de presión á República Islámica do Irán (e subsidiariamente Rusia) para o control do Oriente Medio; ou as constantes tentativas de des-estabilización no avispeiro étnico caucásico. Enténdese entón tamén o “choque” programado durante décadas en Ucraína onde, por vez primeira, unha gran potencia restablecida vese coa forza suficiente para contestar abertamente á expansiva OTAN. Toda esa extensa área xeográfica foi e seguirá sendo escenario da proliferación de conflitos entre o que o intelectual Emmanuel Todd denomina “imperio pos-imperial” ou “pos-estatal” (o Occidente colectivo) e, fundamentalmente, a referencia dos dous Estados-Nación en ascenso da actualidade: a conservadora Rusia e a China dirixida polo Partido Comunista. Do resultado dos combates no Rimland, dirimidos no plano bélico e non só, sairá unha nova orde internacional.

Comentarios