Opinión

Presumirmos a inocencia

A traxedia do crime de Asunta enfróntanos con tres dilemas. O feito irrebatíbel da inseguridade da vida das nosas crianzas, fose cal for o grao de protección ao seu dispor. A falibilidade dos nosos referentes cívicos, mesmo daqueles nosos veciños máis exemplares. E a subordinación de todos os (pre)xuizos de análise fáctica e de valor ao principio esencial da presunción de inocencia.

A traxedia do crime de Asunta enfróntanos con tres dilemas. O feito irrebatíbel da inseguridade da vida das nosas crianzas, fose cal for o grao de protección ao seu dispor. A falibilidade dos nosos referentes cívicos, mesmo daqueles nosos veciños máis exemplares. E a subordinación de todos os (pre)xuizos de análise fáctica e de valor ao principio esencial da presunción de inocencia.

"Do mesmo xeito que unha xustiza adiada é unha xustiza denegada,  a xustiza ás presas ou, o que ven ser parello, a lei D’Lynch, supón o fracaso do Estado de Dereito"

Vivirmos en democracia esixe un respecto ferreño polo imputado, sexa quen for o seu acusador, fosen as que foran as pegadas primeiras. Do mesmo xeito que unha xustiza adiada é unha xustiza denegada,  a xustiza ás presas ou, o que ven ser parello, a lei D’Lynch, supón o fracaso do Estado de Dereito.

Quere isto dicir que haxa que promulgar normas ou derivar xurisprudencia restritiva do dereito dos medios a informar? Non, o dereito á libre información e a transparencia na transmisión da mesma por parte dos Poderes Públicos son alicerces básicos da confianza democrática. A única regulación posíbel é o sentido da responsabilidade. Agás moi contadas e clamorosas excepcións, que adoitan repenicar modelos de exportación madrileña, os profesionais galegos demostran decote coñecer este principio. E, de todos os xeitos, é preferíbel o risco dos xuizos paralelos ao da noite de pedra do silencio.

"Os imputados pola morte de Asunta son inocentes até que un xuizo xusto, probábelmente perante un xurado de concidadáns, determine cousa distinta, se chegase a tal"

Mais convén dicir que os imputados pola morte de Asunta son inocentes até que un xuizo xusto, probábelmente perante un xurado de concidadáns, determine cousa distinta, se chegase a tal. Mentres, as reaccións de xenreira, paixón e descontrol son humanamente admisíbeis. Mais sería bó tentar enfrontalos dende a superioridade moral da liberdade e da democracia.

Probábelmente será un xurado de cidadáns o que determine os feitos a probar no axuizamento dos imputados pola morte de Asunta. E, malia que todos os cidadáns que poden ser membros potenciais deste xurado puideran ser sospeitosos de prexuizos, o decurso do tempo, as garantías xudiciais, o xogo do dereito á asistencia letrada e máis o sentido da responsabilidade dos elixidos haberá determinar un veredicto xusto, sempre recorríbel perante o Tribunal Superior de Galicia.
             

Comentarios