Contracultura

Antonio García Teijeiro: "Quería homenaxear e sacar do esquecemento mulleres poetas dun nivel extraordinario"

Antonio García Teijeiro (Vigo, 1952) é o autor de 'Os ecos do vento' (Kalandraka), un álbum ilustrado por Noemí Villamuza con doce poemas dedicados a creadoras, poetas e narradoras de ambos os lados do Atlántico.
Antonio García Teijerio é mestre e escritor recoñecido con varios premios literarios. (Foto:  Kalandraka).
photo_camera Antonio García Teijeiro é mestre e escritor recoñecido con varios premios literarios. (Foto: Kalandraka).

—Como xurdiu a idea de facer un álbum ilustrado de poesía?
A editorial sabía de certos poemas que eu escribira sobre mulleres poetas de América Latina concretamente para darlles a relevancia que elas merecían. Xa está ben de pensar que só os homes fixeron poesía magnífica. Hai moitas mulleres dun nivel extraordinario e eu dalgunha maneira quería homenaxealas, mais tamén sacalas do esquecemento. Víame moi reflectido nelas porque todas son figuras que fixeron poesía para persoas adultas, mais tamén para a infancia. Sempre intentei pór a poesía para quen máis a precisa, que é as crianzas.

Só así poderán acostumarse a comprender, desfrutar e gozar da palabra poética, sendo esta fundamental para o seu desenvolvemento como persoas. Así, Kalandraka propúxome facer un álbum ao estilo que xa teñen de 12 poemas de Federico García Lorca. Neste caso, os doce poemas están ligados ou nacen a partir da obra global dalgunhas mulleres que a min me parecen fundamentais.

Empecei facendo poemas a raíz da obra de poetas latinoamericanas e despois fun incluíndo outras galegas e españolas. Non podían faltar figuras como Rosalía de Castro, Beatriz Jiménez de Ory, Gloria Fuertes, Cecilia Pisos ou Gabriela Mistral. Cando falamos, por exemplo, da Xeración do 27 no Estado español só falamos de homes. A min influíronme moito, mais tamén había mulleres. Quero que este libro sexa unha porta aberta a buscar ou a procurar esa poesía de valor excepcional que tivo unha menor difusión só polo feito de estar escrita por mulleres. 

—Cales foron os motivos para facer esta escolla?
Quixen seleccionar poetas que mostraran agarimo pola infancia e que dedicaran o seu tempo a escribir poesía de calidade para esta. Aínda que foran boas poetas para adultas, que tamén o eran moitas delas, quería que fosen persoas cunha boa poesía pensada para a infancia e a mocidade. Eu quería notar a emoción poética, que é algo que me parece fundamental dentro da lírica, así como o respecto polas persoas máis pequenas. Ademais, todas elas teñen poesía afectiva, que tamén foi algo no que me fixei á hora de facer a escolla. Por outra banda, a min sempre me gustou facer referencias nos meus poemas a outras figuras dentro da lírica, que o que eu escribía fose unha fiestra aberta para chegar a outras figuras.

Nesta ocasión non partín de ningún verso en particular, senón que todos os poemas saen de ler varias obras destas poetas. Unha vez remataba de ler, púñame a escribir o que me apetecera nese momento e, en ocasións, facendo algunha referencia. Son poemas escritos baixo o universo destas mulleres.

—Como foi o traballo coa ilustradora, Noemí Villamuza?
Desde Kalandraka ofrecéronme a posibilidade de traballar cunha das grandes ilustradoras deste país como é Noemí. O seu é un traballo limpo, expresivo, de trazo claro e que ten moitísima sensibilidade. No libro hai unha sucesión moi fermosa que vai desde a infancia até a vellez e ela sabe expresar esta evolución dunha maneira moi poética. Estou moi satisfeito, mais tamén é certo que non me sorprendeu esta calidade porque como digo é unha grandísima ilustradora.

Para min foi marabilloso traballar tanto con Noemí como con Kalandraka tanto polo agarimo que puxeron como polas formas de facer. Tiñan moi claro o que querían e estou moi satisfeito coa acollida que estamos recibindo.

Comentarios