Contracultura

Ariadna Silva: "O problema é que falta unha conmemoración de maneira oficial do accidente do Prestige"

Ariadna Silva, fotógrafa, pon a súa mirada detrás de Friccións, un proxecto no que pretende capturar as pegadas que deixou o Prestige nas rochas das praias galegas. Silva aborda os pasos e a documentación que hai detrás da toma das imaxes así como as dificultades das novas xeracións para coñecer a catástrofe, algo que, baixo o seu punto de vista, “denota moitas cousas”. 
Ariadna Silva fotografando a costa galega (Foto cedida).
photo_camera Ariadna Silva fotografando a costa galega (Foto cedida).

Como xurdiu Friccións?

Ultimamente estou traballando moito sobre a destrución do territorio a causa da explotación do medio, por exemplo en Cartografía do esquecemento trato o tema dos incendios e dos eucaliptos. Nesta ocasión apetecíame levar a cabo un proxecto relacionado co mar e, aínda que tiña a idea máis ou menos pensada desde había tempo, tiña sentido afondar agora nisto tendo en conta que se cumprían 20 anos desde o accidente do Prestige. 

Eu era moi nena aínda, tiña seis anos, e os meus recordos están moi nubrados, polo que tamén partiu da necesidade de acudir a este feito histórico e de reconstruír esa memoria que eu non teño. Por isto, estiven todo este ano traballando, facendo fotografías e documentándome. 

Por unha parte, fixen unha revisión de moitas fontes: fotógrafas e fotógrafos que traballaron o accidente, achegamentos desde a socioloxía ou a bioloxía, tamén documentais, o arquivo online de creatividade popular chamado Unha gran burla negra. 

Por outra parte, practiquei a metodoloxía de ir a estes lugares que foron máis afectados e ver que atopaba eu coa característica de carecer de moitas referencias como unha forma de reconstruír o feito a partir das pegadas que existen a día de hoxe. Eu, se penso no recordo de cando ocorreu todo, teño as imaxes máis icónicas do voluntariado limpando as praias e dos animais, especialmente gaivotas, mais hai moitas máis cousas das que me fun dando de conta ao afondar no tema. Tamén foi unha revelación ver a obra teatral N.E.V.E.R.M.O.R.E, do grupo Chévere, porque francamente penso que para nós, a xente que non o vivimos tanto cando pasou, é difícil acceder a este tipo de información se non nos esforzamos en buscala. Creo que denota moitas cousas.

Cre que o recordo sería diferente cun maior interese en manter esta memoria?

Supoño que o problema é que falta unha conmemoración de maneira oficial. Si que hai memorias individuais como a que comentaba de Unha gran burla negra. É un arquivo dixital que está moi ben feito, é moi completo e está ben catalogado, mais claro, é a iniciativa dunha asociación. 

É algo que se vén reclamando, mais penso que falta esa conmemoración e esa transmisión entre xeracións, sobre todo para evitar esta desmemoria que é a base sobre a que se constrúe Friccións. Neste sentido, eu entendo que é como a cuestión da memoria histórica.

Por que escoller o branco e negro para as fotografías?

Foi unha cuestión estética. O branco e negro permite prestar máis atención ás texturas e detalles e dalgunha forma tamén fai as imaxes atemporais, porque non hai referencias do tipo de luz que hai no día que foron tomadas, polo que tampouco se poden situar nun momento ou nunha época do ano. Por suposto, esta elección tamén facilita o contraste entre a pedra e a mancha negra. Eu como fotógrafa fago un pouco de todo, dependendo do tema que queira traballar, mais neste caso a cor non aportaba máis información, senón que inclusive podería despistar. O branco e negro converte estes detalles e texturas en algo case escultórico. 

Por outra parte, aínda que ía moi decidida a facer fotografías nas pedras, nun momento valorei capturar tamén retratos ou obxectos que se empregaran, mais ao final optei por centrarme na paisaxe. As pedras tamén aparecen como un elemento que contrasta moito nas fotografías que hai do voluntariado vestido de branco limpando as praias. 
É certo que vin, por exemplo, imaxes da zona de Muxía onde queda o chapapote nas árbores do paseo, algo impresionante, polo que tampouco descarto engadir máis cousas a Friccións máis adiante. É un proxecto que segue aberto e tamén me gustaría volver a certos lugares para poder afondar máis.  

Comentarios