A danza de Fran Sieira, o 'Castelao artista' da man de Anxo Rabuñal e Benito Vicetto protagonizan o ‘Sermos Galiza’

Podes atopar o semanario 'Sermos Galiza' esta sexta feira, 28 de marzo, acompañando o xornal 'Nós Diario'. 64 páxinas por só 3,20 euros!
Detalles do 'Sermos Galiza' que sae á venda esta sexta feira.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' que sae á venda esta sexta feira.

Esta sexta feira, 29 de marzo —e non o sábado, como é habitual, dado que ese día non haberá xornal en papel por descanso da prensa—, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Danza para explorar os grandes temas sociais e expresar as inquedanzas persoais. Roi Pérez Vila escribe en Ceibe, a danza liberadora de Fran Sieira como este bailarín fusiona o baile tradicional co contemporáneo e convida o público a compartir historias e emocións nunha experiencia única.

“Mentres artistas como Mondra ou Tanxugueiras triunfan levando o tradicional á vangarda coa música, Sieira destaca na danza. A pesar de ser unha disciplina con menos popularidade, o seu traballo mostra de que forma a danza pode estar ao servizo dos grandes temas que preocupan e achegar valor cultural. Fran Sieira é un exemplo de como a tradición pode inspirar a arte contemporánea e é un dos grandes protagonistas deste doce momento que vive a cultura galega”.

Anxo Rabuñal Rey. Castelao, artista en acción

O Diario 1921. Francia, Bélxica, Alemaña de Castelao foi o último libro do rianxeiro en ser coñecido e durante moitos anos chegou a nós censurado e mal editado. Xan Carballa entrevista neste número do Sermos Galiza o investigador e editor Anxo Rabuñal Rey (Compostela, 1963), que pasou o traballo de analizalo a fondo e cun traballo de investigación moi detallado consegue entregar un ensaio –O pintor e a vida moderna (Serbal, 2024)–.

O libro que Rabuñal vén de publicar desvela e actualiza o pensamento sobre a arte dun Castelao que, tamén por problemas visuais, decide deixar a pintura, e encarreirarse como debuxante nunha arte de intervención que compatibilizou simultaneamente cunha acción política incesante. Unha viaxe na que tamén muta en autor literario e reconduce as súas orientacións ideolóxicas e relixiosas.

“Dinme conta de que o Diario ten un carácter único, sen comparación nin na península nin en Europa. É un texto de crecemento, que ás veces foi opacado pola imaxe dun Castelao con 34 anos, pero que consegue compactar a súa evolución persoal de nove meses nunha grande viaxe artística, cultural, política e relixiosa”.

Vicetto, bicentenario do pioneiro da Historia de Galicia

Segunda parte da reportaxe na que Rubén Labisbal e Antonio Casal relatan a importancia das achegas de Benito Vicetto á Historia da Galiza, concretamente, á historia moderna e contemporánea.

“Ao observar a importancia galaica na Idade Media, acostumamos pensar que a doma e castración foi a fin da vida autónoma que tiña o noso país. Cómpre, porén, referírmonos a uns omnipresentes e necesarios matices. Botemos unha ollada ao que nos ten que dicir Benito Vicetto nas páxinas dedicadas á historia moderna e contemporánea, período que abrangue desde a instauración da Real Audiencia até a morte de Fernando VII (1480-1833)”.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel Barreiro achégannos as novidades no sector literario, a comezar por Hixabs e himes, de Mona Eltahawy (Hércules, 2023); e O lirio branco, de Fabcaro e Conrad (Salvat-Xerais, 2023)

No apartado musical, Olga Brañas analiza o disco Agora é o tempo (Awanta Producións, 2023) de Francisco Castro, e achegamos tamén outras novidades. Pola súa parte, Xaime Estévez fálanos da importancia da música popular, non como unha maneira de competir, senón como unha maneira de fomentar a participación e a convivencia.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Os nenos de Winton (James Hawes, Reino Unido), así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla.

Sole Felloza lémbranos tradicións da semana Santa e Lázaro Armental analiza para Sermos Galiza as ferramentas de estudo do relevo co foco no urbanismo.

E Pepe Barro debulla o grafismo de La Noche, suplemento del sábado, o primeiro suplemento cultural dun xornal galego.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza esta sexta feira, 29 de marzo, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios