Lembra tamén a figura de Barreiro Fernández

Delgado Gurriarán centra o último número do ‘Boletín’ da RAG

A publicación académica lembra as homenaxes que se lle renderon ao poeta de Valdeorras na súa terra natal.
Florencio Delgado Gurriarán. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Florencio Delgado Gurriarán. (Foto: Nós Diario)

O último número do Boletín da Real Academia Galega recolle as achegas arredor da vida e da obra de Florencio Delgado Gurriarán presentadas no Simposio das Letras Galegas 2022 e na sesión extraordinaria do pasado 17 de maio, que a institución celebrou no seu Córgomo natal, no concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras. 

 

Córgomo foi unha festa

O último Boletín arrinca cos traballos centrados na figura de Florencio Delgado Gurriarán, ao que a RAG lle rendeu homenaxe o 17 de maio de 2022. “Córgomo foi unha festa. Poucas veces a celebración do Día das Letras Galegas tivo unha resposta tan activa e espontánea. Imposible entender a poesía e mesmo o talante de Florencio Delgado Gurriarán sen a música e a paisaxe de Valdeorras”, subliña o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. 

O primeiro apartado do Boletín xunta os traballos presentados no Simposio Florencio Delgado Gurriarán os días 3 e 10 de novembro por Xesús Alonso Montero, Ramón Nicolás, Débora Álvarez Moldes, Concepción Álvarez Pousa, Xosé Manuel Dasilva, Ricardo Gurriarán Rodríguez, Xosé L. Pastoriza Rozas, Samuel Diz e Pilar Cagiao; e o segundo reproduce as alocucións académicas pronunciadas en Córgomo por Ramón Villares, Rosario Álvarez e Xesús Alonso Montero. 

 

Lembranza de Barreiro 

A lembranza do historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández centra outra parte destacada da publicación, na que se afonda nas olladas sobre o académico expostas na homenaxe que a RAG lle rendeu o 17 de marzo do ano pasado cadrando co seu primeiro cabodano.  

O historiador presidiu a Academia entre 2001 e 2009 e deixou "unha importante pegada de renovación na institución, na liña do que no seu día iniciara Francisco Fernández del Riego, con quen Barreiro traballara moi estreitamente", salienta Freixanes no limiar do Boletín 383, que xa pode descargarse entre as novidades da sección de publicacións de academia.gal. O volume aborda o papel de Xosé Ramón Barreiro na construción dunha nova Igrexa galega nos anos sesenta, da man de José Ramón Rodríguez Lago; a académica correspondente Ana Romero Masiá asina un artigo sobre as contribucións do profesor no estudo da historia local; e Emilio Grandío Seoane profunda na relevancia dun “historiador de convicción que entendía a Galiza como o seu principal obxectivo de estudo, pero cunha vocación rotunda de intervir no presente para mudalo de raíz”.    

Comentarios