A escena galega viaxa até Colombia

Exhibiranse as montaxes ‘Orquestra de malabares’ de Pistacatro, flamante Premio da Cultura Galega no ámbito escénico, ‘Continente María’ de Ainé Producións, ‘Alma de tigre’ de Elefante Elegante, ‘DeMente’ de Fran Sieira Compañía de Danza e ‘O mel non caduca’ de Ibuprofeno Teatro.

'Alma de tigre', de Elefante Elegante.
photo_camera 'Alma de tigre', de Elefante Elegante.

 As compañías Ainé Producións, Elefante Elegante, Fran Sieira Compañía de Danza, Ibuprofeno Teatro e Pistacatro, viaxan este semana a Colombia para actuar tanto no Festival Internacional de Teatro de Manizales como no Festival Teatro y Música Comfama San Ignacio de Medellín, nos que a Galiza é o país convidado especial da edición deste ano. 

A escolma galega realizada directamente polos responsables destes festivais colombianos reflicte a ampla variedade de xéneros e estilos da escena galega actual con propostas teatrais como Continente María, na que Ainé, en coprodución co Centro Dramático Galego e o Concello da Coruña, evoca a figura de María Casares; Alma de tigre, na que Elefante Elegante saca á luz os segredos dunha familia coa memoria, os afectos e a herdanza no centro da historia; e o futuro distópico de O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro.

En danza, a representación galega recae en Fran Sieira e a súa compañía co espectáculo de baile e música tradicional DeMente, que pon o foco na saúde mental, e en circo, Pistacatro viaxa a Colombia con Orquestra de malabares, un espectáculo que mestura a música co ballet aéreo dos malabaristas.  

A Galiza toma o testemuño de Chile, Arxentina ou o País Vasco como territorio convidado no Festival Internacional de Teatro de Manizales, considerado o máis antigo do seu ámbito en Iberoamérica. A súa 55ª edición celébrase do 20 ao 28 de outubro cunha trintena espectáculos en cartel procedentes de diferentes puntos de Colombia, ademais de Arxentina, Chile, Costa Rica, Portugal, México, República Democrática do Congo e Uruguai e das devanditas propostas da Galiza. 

A primeira representante do teatro galego en actuar nesta mostra será Ainé, o domingo 22, á que seguirán Ibuprofeno na quinta feira 26, Elefante Elegante o día 27 e Fran Sieira Compañía de Danza e Pistacatro o sábado 28. 

A continuación, esta mesma delegación artística desprazarase até Medellín como parte da programación da sexta edición do Festival Teatro y Música Comfama San Ignacio, que terá lugar do 30 de outubro ao 7 de novembro. Alí representarán os seus espectáculos a compañía de Fran Sieira e Pistacatro o día 31, Ibuprofeno Teatro e Ainé Producións o 1 de novembro e Elefante Elegante o día 2. 

Comentarios