A Galiza celebra na noite do 31 a súa relación coa morte

A tradición seguía viva, aínda que adormecida, na cultura popular, mais o nome que lle deamos aínda está debaténdose.
A cabaza, un ingredente fundamental para esta noite.
photo_camera A cabaza, un ingredente fundamental para esta noite.

Xa sexa Samaín, Día de Defuntos ou Festa das Caveiras, a tradición popular galega de orixe celta celebra esta noite o cambio de estación no ciclo agrario e a chegada do inverno. O outono é a época da caída das follas, da baixada das temperaturas e do remate dos últimos traballos do verán, como a vendima. 

Moito antes de que por influencia da cultura estadounidense chegase á nosa sociedade a festa coñecida como Halloween, na Galiza xa se celebraba a véspera do primeiro de novembro. Desde inicios dos anos noventa a Asociación Cultural "Chirlateira" de Cedeira comezou a organizar unha pequena festa de Samaín, como se lle acabou chamando, na que o obxectivo principal era recuperar o costume de baleirar e esculpir caveiras. As crianzas adoitaban recollelas, furalas e poñerlles dentro unha candea para colocalas en estratéxicos para asustar ás persoas que pasaban por alí. 

O arqueólogo Felipe‑Senén considera máis acertado falar de tempo de defuntos, nome co que se coñecía popularmente a celebración que aínda lembran as persoas máis vellas, pois se ben é certo que aquí "puidese haber un equivalente á divindade de carácter irlandés que denota o Samaín, non é a tradición que sobreviviu, senón que foi absorbida polo cristianismo mantendo elementos de carácter pagán", explica. Se ben o Samaín pode funcionar como trazo de unión das periferias atlánticas, Felipe‑ Senén insiste en ter coidado de “non solapar a nosa cultura con outras e perder a nosa orixinalidade”. 

En todo caso, o importante desta noite debe ser non perder de vista a relación única e estreita que os galegos e as galegas manteñen coa morte. 

Un ollo de vidro celebra o seu centenario no Samaín 

Moi vinculado a esa especial relación que a Galiza manten coa morte está o relato de Castelao Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, que precisamente reflexiona desde unha posición crítica e retranqueira sobre esa especial ligazón do pobo galego co Alén. 

Para celebrar o centenario da publicación deste relato pola Editorial Céltiga de Ferrol, a Federación de asociacións culturais Galiza Cultura celebra este Samaín de 2023 realizando simultaneamente en varias vilas do país unha actividade conxunta protagonizada pola lectura do texto de Castelao. 

Comentarios