O sábado 15 as persoas amantes da música teñen unha cita no Mosteiro de Monfero, que un ano máis acolle o Grelo Folc, unha iniciativa que desenvolve a Asociación Cultural O Abordelo desde o ano 1999.
A nova edición do festival comezará ao mediodía cunha sesión vermú que correrá a cargo da charanga Os veraneantes. A continuación, terá lugar o xantar popular (para o que é preciso unha inscrición previa nos números 679251163 e 698166277 ou a través do mail [email protected]).
A Nabiciña
Durante a tarde desenvolverase A Nabiciña, a proposta creada para as crianzas. “Nos últimos anos a sección destinada aos pequenos e pequenas funcionou moi ben, pois no concello hai cero programación cultural e os nenos e nenas do rural tamén teñen dereito a outras opcións de lecer”, indican desde a asociación en declaracións a Sermos Galiza.
A Nabiciña contará con xogos e actividades desde as 16h na Ludoteca de Xandobela e ás 18h será a quenda da oferta musical, a cargo do grupo eumés de música infantil Palitroke. Aliás, as crianzas disporán de merenda de balde.
Xa durante a noite, a partir das 22h, terán lugar os concertos con No Cómbaro, grupo de música tradicional; O Puto Coro do Exército Froilanista, unha retranca musical da banda oficial do “Partido Froilanista”; O Sonoro Maxín, un dos grupos de referencia dos escenarios do país, e Muebles Mendoza, banda de versións dos compoñentes de Familia Caagmano.
O festival contará cunha carpa e con zonas de acampada libre, aínda que existen distintas opcións de aloxamento no concello.
A asociación cultural pretende, con esta iniciativa, ofertar un tipo de lecer alternativo, “non se pode limitar o lecer ao de sempre: as festas tradicionais”.