CONTRACULTURA

Irene Pin: "Abordo o proceso de tránsito dunha rapaza á idade adulta a través dunha relación amorosa"

Irene Pin, directora de cinema, traballa na longametraxe Terás que saltar.
Irene Pin participa no laboratorio Conecta Lab, na illa de San Simón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Irene Pin participa no laboratorio Conecta Lab, na illa de San Simón. (Foto: Nós Diario)

Irene Pin, directora e cineasta, é unha das seis participantes do laboratorio Conecta LAB organizado pola asociación CREA e para o que foi seleccionada coa idea de levar ao seguinte nivel o guión da súa longametraxe de ficción, Terás que saltar

Que significa para o seu proxecto participar no Conecta LAB?

É unha oportunidade tremenda de poder desenvolvelo co asesoramento e o consello de persoas que contan cunha ampla experiencia no audiovisual e que poden aportar perspectivas que ti non contemplabas nun inicio. É a oportunidade de facer medrar o proxecto, porque comezas a ver outros puntos de vista que te fan avanzar no que queres contar. É curioso porque a percepción do tempo cambia moito, sobre todo ao estar na illa de San Simón, hai outro ritmo. 

Hai moita máis pausa e tranquilidade e os días até parecen máis longos, mais no bo sentido. Sinto que se aproveitan moito. Sobre todo é como obrigarnos a parar, porque ao final vivimos doutras cousas e temos uns ritmos de vida que non favorecen os procesos creativos: quedan relegados a unha hora ao día que podes dedicar, e con sorte. O feito de estar neste lugar, ter tempo para pensar e escribir tres horas seguidas, favorece que o tempo pase de forma estraña, mais como digo, no bo sentido. Baixo o meu punto de vista, a xente de CREA tivo unha idea moi boa facéndoo aquí, porque o sitio ten unha enerxía, a pesar de todo o que pasou aquí ou precisamente por iso, que favorece moito a reflexión interna que te leva a enfrontar o proceso creativo con moita forza. 

Xa participara nalgunha outra residencia artística?

Non, é a primeira vez, polo que tampouco teño moito onde comparar. Con todo, creo que este programa é súper potente, que está pensado con moita cabeza e cariño, intentando adaptalo a cada un dos proxectos que participamos. E dígoo de corazón. Teñen a xente que sabe escoitar os proxectos e que sabe sacar o mellor deles sen impor a súa visión, que non sempre é doado de conseguir. Como Terás que saltar aínda está en fase de desenvolvemento, unha das cousas que estamos intentando tanto eu como Cósmica Producións é asistir a laboratorios de guión que nos permitan facer o proxecto. 

Cando es directora ou escritora novel, sempre vai ben ter ese feedback. Ademais, si que teño participado noutros programas que organiza CREA, que non son directamente residencias, mais que serven para pór proxectos en contacto con produtoras ou con outras creadoras e creadores. Digamos que este Conecta LAB é como unha última fase dos outros proxectos que teñen, Conecta e Conecta+.

En que punto se atopa o filme no que traballa?

Nace dunha experiencia moi persoal, como moitos outros, que se inspiran niso e nos que logo as vivencias reais quedan un pouco camufladas. É a historia dun proceso de tránsito dunha rapaza á idade adulta a través dunha relación amorosa, mais tamén da descuberta dos espazos colectivos e dela mesma. Dalgunha maneira tamén acaba sendo algo universal, porque todas as persoas atravesamos procesos moi parecidos, máis aínda cando falamos deste paso á idade adulta. Supoño que iso é un pouco o que nos interesa ás persoas que narramos cousas: partir desde o concreto para contar cousas que son absolutamente universais e que forman parte da experiencia humana. 

Nestes momentos o guión está en proceso, porque moitas veces hai varias ideas que xorden despois de deixalo repousar durante un tempo e volver a el para mudar cousas que xa non te convencen. Estamos no proceso de conseguir o guión máis sólido posíbel para poder comezar coa rodaxe e conseguir financiamento. Con todo, unha das cousas que máis ilusión me fan é que algunhas das miñas amigas xa puideron ler a versión actual do guión e puideron sentirse recoñecidas, algunha inclusive soltou algunha bágoa. Son cousas que parecen unha parvada, mais que animan moito porque os procesos de escrita son longos e podes perder o foco. Levo con este proxecto dous anos e medio e ás veces a relación co que escribes, máis cando é algo tan persoal, pode volverse un pouco tóxica.

Comentarios