Kiko da Silva: "Gurriarán, ademais de moi bo poeta, era unha persoa totalmente comprometida co país"

O ilustrador Kiko da Silva é o coordinador de 'Florencio', banda deseñada guionizada por Fernando Llor e con ilustracións do alumnado do seu obradoiro 'O Garaxe Hermético', que pretende que a mocidade "descubra e se apaixone" coa biografía de Florencio Delgado Gurriarán. A obra, editada polo Servizo de Publicacións da Deputación de Pontevedra, foi presentada onte no pazo provincial, baixo a organización da área de Lingua e Memoria Histórica. Aproveitando o acto, conversamos con Kiko da Silva acerca desta nova obra.
 
O debuxante e ilustrador Kiko da Silva no seu estudo. (Foto: Ana Isabel Rey Lamas).
photo_camera O debuxante e ilustrador Kiko da Silva no seu estudo. (Foto: Ana Isabel Rey Lamas)

Con que se van encontrar as lectoras e lectores?

Esta é unha banda deseñada un tanto diferente dos libros que se fan normalmente para os homenaxeados nas Letras Galegas. 
Xa que está mais dirixida á rapazada, quixemos que a propia rapazada fose o máis partícipe posíbel da obra.

A historia que narramos é a dunhas rapazas que teñen que facer un traballo para a clase de Lingua e Literatura Galega sobre Florencio Delgado Gurriarán. Ao principio, estas rapazas enfocan mal o traballo e, por causa diso, non encontran o punto para pasalo ben e facer o traballo, por tanto, deciden facer un cambio na súa busca e comezan a descubrir toda a vida que descoñecían de Gurriarán e de todo o que fixo. 

Esa escusa servíanos para poder contar as diversas partes históricas da biografía de Florencio dunha maneira fragmentada pero ao mesmo tempo coherente a nivel narrativo. 

A obra foi feita nun tempo récord, non si?

Si, en menos dun mes tiñámola acabada. Eu creo que é a primeira vez que facemos algo en tan pouco tempo. 
Estou tremendamente orgulloso do meu alumnado porque fixeron un traballo espectacular.

Mesmo a nivel narrativo hai bastantes peripecias que eran complexas de resolver e o meu alumnado fíxoo de modo magnífico. Esta é a cuarta banda deseñada que facemos por encargo, e todos os anos imo+s facendo varias publicacións colectivas para aprender a traballar en equipo e ser capaces de facer traballo profesional mais en moi pouco tempo. Eu estou moi contento de como están respondendo e sei que son capaces do mellor.

Cal é a importancia da figura de Florencio Delgado Gurriarán?

Eu creo que Florencio, ademais de ser moi bo poeta, foi unha persoa moi comprometida co país. Infelizmente, xa quedan moi poucas persoas deste tipo na nosa realidade social. Eu creo que é importante dar a coñecer a súa figura que, polas circunstancias sociais e políticas en que viviu, non puido desenvolver toda a súa obra literaria como a el lle gustaría e como podería ter feito se as circunstancias o deixaran.

Viuse implicado, como moitos outros persoeiros galegos, na vida política e social e é innegábel o seu compromiso coa cultura e co país.

Esa é unha mensaxe moi importante para as novas xeracións porque é algo que non debemos perder como cidadáns. A cultura non é soamente unha lingua, é un sentimento, é a nosa maneira de estar no mundo e a xeración de Florencio demostrounos que se podía reivindicar o noso a pesar de que nolo prohibisen. Gurriarán é desas persoas que foron capaces de deixalo todo polo país.

En que consistiu o acto de presentación da banda deseñada?

Tratamos de mostrar o proceso creativo. Ensinamos como se fixo esta banda deseñada con bosquexos, fotografía previas e demais. O que máis me interesaba era que se vise cada paso do proceso creativo que, por causa da pandemia que nos tocou vivir, se dixitalizou.

Tratamos de aproveitar o tempo para mostrar todo aquilo que o meu alumnado, as verdadeiras autoras da banda deseñada, ían dándome para corrixir, para analizar se estaba todo correcto e todo ese tipo de detalles que son internos e que soamente vemos os autores e os editores do libro. 

Ademais, quen se achegou á Deputación levou de balde un exemplar, algo que eu creo que foi unha oportunidade moi interesante para quen ten interese na banda deseñada e na figura do noso homenaxeado nas Letras Galegas, Florencio Delgado Gurriarán. 

Comentarios