Estas son as 20 persoas expertas que dan forma ao coleccionábel sobre os castelos galegos

O 14 de outubro arranca un coleccionábel de Nós Diario sobre os castelos e fortalezas galegas. O mesmo ten como autores algúns dos máximos especialistas da materia. Ao tempo, conta cun equipo asesor de 10 expertos de primeiro nivel.

De esquerda a dereita e de arriba abaixo: Mercedes Vázquez Bartomeu, Miguel García-Fernández, Suso Vila, Héitor Picallo, Xosé Manoel Sánchez, Alexandra Cabana, Carlos Varela, Andrés López-Calvo, Gumersindo Mosteiro, Alexandre Peres Vigo, Pilar Rodríguez, Mateo Fontán, Bruno Rúa, Antonio Castro, Paula Vázquez Verao, Rubén Fernández, Antonio González Millán, Damián Porto, Antón Xosé Meilán e Xosé María Lema Suárez.
photo_camera De esquerda a dereita e de arriba abaixo: Mercedes Vázquez Bartomeu, Miguel García-Fernández, Suso Vila, Héitor Picallo, Xosé Manoel Sánchez, Alexandra Cabana, Carlos Varela, Andrés López-Calvo, Gumersindo Mosteiro, Alexandre Peres Vigo, Pilar Rodríguez, Mateo Fontán, Bruno Rúa, Antonio Castro, Paula Vázquez Verao, Rubén Fernández, Antonio González Millán, Damián Porto, Antón Xosé Meilán e Xosé María Lema Suárez.

O equipo está coordinado por Héitor Picallo Fontes, enxeñeiro técnico naval, investigador, ilustrador, escritor e patrón do Museo do Pobo Galego. Foi coordinador de varios coleccionábeis en Nós Diario, o máis recente de xaneiro de 2023 titulado “Fortalezas esquecidas do Reino da Galiza”. É autor de varios libros de ensaio e divulgación, así como coautor de non menos dunha ducia de títulos máis.

Sobre fortalezas e castelos medievais ten publicados uns 200 artigos en prensa, así como en diversas revistas científicas. Foi galardoado cos premios Máximo Sar e Reimóndez Portela de xornalismo e está considerado como un destacado debuxante arqueolóxico. Pasamos a citar os membros do equipo técnico avisando paralelamente do edificio ou edificios nos que mergullou.

Os autores e autoras

Comezamos con Xosé María Lema Suárez, licenciado e doutor en Historia da Arte, patrón numerario do Museo do Pobo Galego e que é autor dos fascículos vinculados coas Torres do Allo (Zas) e o Castelo de Vimianzo (situado no concello homónimo). Continuamos coas doutoras e licenciadas en Xeografía e Historia Pilar Rodríguez Suárez e Mercedes Vázquez Bertomeu. Compoñentes de Dehistoria S.L.L., encárganse dos castelos de Altamira (Brión), Maceda (no municipio do mesmo nome), Monterreal (Baiona) e Xiá (Friol). No que afecta ás torres de Caldaloba (Cospeito) e Castroverde (en terras homónimas) e ao castelo de Pambre (Palas Rei), tales edificios son tratados por Alexandra Cabana Outeiro, licenciada e doutora en Historia, especialista en Paleografía e Historia Medieval.

Seguimos con Miguel García-Fernández, que é licenciado en Historia –nas especialidades de medieval e moderna– e membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, pois será el quen se ocupe de divulgar os contidos necesarios sobre as fortalezas de Castro Caldelas e Ribadavia (nos concellos chamados, respectivamente, do mesmo xeito). Paula Vázquez Verao, activista cultural e graduada en Xeografía e Historia, mergúllase no pasado do Castro Candaz (Chantada). Antón X. Meilán García, doutor, licenciado en Filoloxía Románica e profesor emérito da Universidad de Oviedo, o fai na historia de Castro de Ouro (Alfoz). Carlos Varela Aenlle, doutor en Filoloxía Galega e licenciado en Xeografía e Historia, trata sobre os castelos de Mesía (Mesía) e San Miguel das Penas (Monterroso); e Alexandre Peres Vigo, doutor, licenciado en Humanidades e profesor na UDC, sobre os de Moeche e Naraío (o primeiro no concello homónimo e o segundo no de San Sadurniño).

As pescudas sobre a fortaleza de Monterrei, situada no municipio do mesmo nome, terán por autor a Bruno Rúa Martínez, licenciado en Filosofía e guía turístico; as que afectan a Nogueirosa (Pontedeume) corren a cargo de Andrés X. López Calvo, que ademais de vigairo da Coruña e doutor en Teoloxía é membro do consello de redacción da revista Cátedra. Porén, dous son os autores que se encargan das Torres do Oeste, nomeadamente: Antonio Castro Rozados, licenciado en Xeografía e Historia, especializado en Arqueoloxía; e Gumersindo Mosteiro Díaz, licenciado en Historia da Arte, especializado en Museoloxía, Arte Antiga e Medieval; técnico en Restauración e especializado en Arqueoloxía.

O capítulo vinculado a Sobroso (Mondariz) vai da man de Mateo Fontán Couto, licenciado en Historia con especialidades en Arqueoloxía, Prehistoria e Historia Antiga. Xosé Manoel Sánchez Sánchez, profesor da USC, e doutor e licenciado en Historia, responsabilizouse do fascículo de Rocha Forte (Compostela); e Suso Vila, doutor en Historia da Arte, dos correspondentes a Soutomaior (no concello así tamén chamado) e Tebra (Tomiño). Rubén Fernández Vilariño, técnico superior en Conservación do Patrimonio, fará o mesmo con Vilanova dos Infantes (Celanova); e Antonio González Millán, licenciado en Historia e Historia da Arte, director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, o que concirne á torre Xunqueiras (no concello no que está situada a mesma institución museográfica).

Resta indicar que Damián Porto Rico, doutor e licenciado en Historia, amais de arquiveiro no AHDS, será autor de varias imaxes fotográficas así como co-autor con Héitor Picallo Fontes do fascículo da torre de Figueiroa (Abegondo). Héitor Picallo asina en solitario as entregas sobre as torres de Celas de Peiro (Culleredo) e Mens (Malpica de Bergantiños), amais do relacionado co castelo da Lúa (Rianxo), inmóbel sobre o que investigou desde hai tempo xunto con Alexandra Cabana.

O equipo asesor

Logo de deixarmos indicadas as autorías dos textos, debemos anunciar por quen está constituído o equipo asesor, persoas todas elas de enorme valía e ampla traxectoria no eido da investigación ou da docencia. Pasamos a sinalar os seus nomes, aproveitando a ocasión para deixar expresado o noso sincero agradecemento: Adolfo de Abel Vilela, enxeñeiro técnico agrícola, licenciado en Xeografía e Historia e doutor en Historia; Carlos Baliñas Pérez, licenciado e doutor en Historia, profesor na Facultade de Humanidades de Lugo (USC); Xosé Carlos L. Bernárdez, licenciado en Xeografía e Historia, sección de Historia da Arte; Alexandra Cabana Outeiro, xa referida anteriormente; Xosé-Henrique Costas, licenciado e doutor Filoloxía Galega, profesor na Universidade de Vigo; Simon Doubleday, licenciado en Historia, doutor en Historia Medieval e profesor en Hofstra University (Nova York); Anselmo López Carreira, licenciado e doutor en Historia, comisario científico do I Congreso Internacional sobre o Reino Medieval de Galicia; Felipe-Senén López Gómez, licenciado en Filosofía e Letras, ex director-conservador do Museo Arqueolóxico da Coruña e supervisor nas prospeccións arqueolóxicas do Castro de Viladonga (Castro de Rei); Damián Porto Rico –xa citado no equipo técnico–; e Manuel Vilar Álvarez, licenciado en Xeografía e Historia e director do Museo do Pobo Galego.

Comentarios