A cantautora Sés anunciou esta segunda feira que lanzará o vindeiro 25 de novembro o seu novo disco Diante un Eco, do que destaca a súa sonoridade "especialmente fresca e alegre" e que define como "unha volta aos inicios desde o oficio e a madurez".
A artista explica nun comunicado de prensa que o título do seu novo traballo fai referencia "á concepción cíclica da historia, tristemente avalada pola deriva socio-política".
Trátase do seu oitavo disco en 11 anos de carreira musical. Para Sés, este novo traballo supón "unha reafirmación da estética popular da que sente amante e debedora, sen renunciar á calidade poética".
A cantautora sinala que o disco viaxa entre "ritmos americanos do norte e do sur, repensados en galego e en feminino" e que, sendo fiel ao seu estilo, ten "as doses exactas de 'rock and roll', tradición oral galega e certa cadencia de canción de autor latinoamericana con actitude punk, reivindicación e manexo escénico".
Xira promocional
Acompañada da súa banda, no seu percorrido inicial pola Galiza, conta xa con actuacións programadas para A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Vigo e Narón os días 10 e 17 de decembro, 14, 21 e 28 de xaneiro e 3 de febreiro respectivamente.
Despois destes concertos dará comezo a unha xira promocional polo Estado español, que o levará a Ponferrada e Madrid, e posteriormente por varios países de Latinoamérica.