Entrevista

Sés, cantante: "Os premios populares son unha honra, o recoñecemento sempre debe partir do pobo"

María Xosé Silvar, Sés, cantante, filóloga e activista galega, é a gañadora da vixésimo terceira edición do Premio Ramón Piñeiro Facer País, un galardón destinado a persoas que traballan en prol da lingua e da cultura da Galiza e que concede que a Asociación Cultural Val de Láncara. A entrega do premio será o vindeiro 18 de novembro precisamente en Láncara (comarca de Sarria). Sés recibirá o recoñecemento de mans da poeta Luz Fandiño, galardoada na pasada edición.
A cantora galega, María Xosé Vilar, Sés (Foto: Nós Diario).
photo_camera A cantora galega, María Xosé Vilar, Sés. (Foto: Nós Diario).

Este premio recoñece o seu labor en defensa da lingua e cultura galegas. Que significa para vostede ser galardoada? 
Para min todos os premios populares son unha honra. Os premios que dá o público son unha honra, sempre. Para min o recoñecemento sempre ten que partir da xente, partir do pobo. 

A Asociación Val de Láncara presentouna como “unha proposta rompedora e visceral”. Vese vostede desta maneira? 
Visceral si, rompedora non tanto, creo que son bastante “clásica”. Representei unha novidade no panorama galego no seu momento? Pois si, porque tampouco había moito. Que saíra unha muller liderando o seu proxecto, facéndose cargo da súa mensaxe, pois si que foi unha novidade. Ben, non había moitas pero si que había algunhas. Ademais, eu fago música dun xeito un pouco achegado ao pasado, no sentido de que a música na actualidade tende á "desideoloxización" e á falta de posicionamento. Ao mellor eles falan de rompedora nese sentido. Precisamente por non ter medo a tomar postura, a cantar de xeito visceral e con verdade o que eu penso e sinto.

É feminista, reivindicativa e activista do galego. Que supón ser unha referente en ámbitos como estes?
Eu non fago nada para ser un referente, simplemente defendo o que considero que debo defender. 

Pretendo pouco, basicamente limítome a facer as cousas dun xeito bastante visceral. Transmito basicamente o que penso, o que sinto en cada momento, ás veces como me gustaría que foran as cousas, outras veces como non me gusta que sexan... É unha honra que a xente me poida considerar unha referente por iso, pero eu non penso demasiado niso nin me vexo a min mesma como un referente. 

Cando digo que non pretendo nada quero dicir que aínda que transmito algo non penso “quero que a xente entenda isto”. Eu exprésome en calidade de cidadá, non pretendo adoutrinar. A miña intención é facer cancións e cantalas. 

Se a xente me ve como unha referente eu agradézollo moito porque é moi bonito que outro ser humano te teña en alta estima. Mais eu cando me preguntan se o considero, respondo que non, o que fago é sentirme moi agradecida.

Recibirá o recoñecemento de mans de Luz Fandiño, coa que xa colaborou. Que representa para vostede?  
Para min ela é moitísimo. Ela si que é unha referente para min en moitísimas cousas: humildade, valentía, tenacidade, coherencia, pero sobre todo é un exemplo de bondade. Este é un ben que parece que se esquece, que non existe. Pero ela non só é valente, humilde, tenaz, coherente, senón que ademais é boa, que é algo moi importante. A desvalorización completa e absoluta da época provócame unha tristeza profunda, e Luz representa todo o contrario, ademais en vivo, en muller e en galega. 

É un exemplo a seguir. Estou moi contenta de que estea recibindo parte do cariño que ela merece, non todo porque todo é imposíbel darllo, sería moitísimo. Pero agrádame que poida ver ese cariño en vida, antes de marchar.

Entón, faille ilusión que sexa Fadiño quen lle entregue este galardón? 
Home por suposto, non  se me ocorre ninguén mellor! De feito, cando a musiquei, foime moi fácil, cousa que non é habitual porque para min non é fácil musicar a calquera. Teño que sentir unha identificación profunda co texto, non só a nivel estético ou de contido, senón a nivel das emocións e o carácter que emana do texto. Foi como musicarme a min mesma, foi moi doado pola inmensa identificación que sinto con ela. Pero sempre desde o respecto e a admiración claro.

Comentarios